Taboleiros de xogo clásicos agochados na pedra de Santiago
- Gravados hai 300 anos, na Compostela Barroca, sobreviven nalgúns dos lugares máis emblemáticos da cidade
- En ningún outro lugar de Europa se conservan tantos, que pasan desapercibidos para a maioría
María e Natalia xogan ao 'pai fillo nai', tamén coñecido como ‘tres en raia’, nun dos taboleiros que agocha a pedra de Santiago. Acaban de descubrir que estaban sentadas encima del na bancada da praza do Obradoiro.
Sorprendidas, estas dúas mozas que estudan na Universidade de Santiago, admiten que “sentamos aquí moitas veces, somos de aquí e non sabíamos da súa existencia. Foi toda unha sorpresa. Todas as cidades teñen algún segredo”.
Á vista de todos, pero descoñecidos
Preguntamos a turistas e veciños e a resposta é a mesma. Sorpresa e descoñecemento, “curioso e bonito”, din uns, “descubrimento incrible”, din outros. Á vista de todos, pasan desapercibidos para a maioría.
O colectivo ‘A Rula’ rexistrou máis de douscentos. En 2018 presentou un primeiro censo, ao que foi engadindo novos achados, que tamén vai localizando no Google Maps.
“A diferenza dos taboleiros da época medieval, son as clases populares que ocupan eses espazos e onde desenvolven gran parte da súa vida social os que elaboraron estes taboleiros“
Consisten en tres aliñacións de tres coviñas talladas no granito, a veces con algunha decoración engadida, e que salpican o casco histórico. “Estes taboleiros van estar en lugares públicos, accesibles. A diferenza dos taboleiros da época medieval, son as clases populares que ocupan eses espazos e onde desenvolven gran parte da súa vida social os que elaboraron estes taboleiros”, asegura Luis Leclere, presidente do colectivo ‘A Rula’.
Concéntranse nos adros do mosteiro de San Martiño Pinario, con preto de cincuenta, e do convento de Santa Clara, con outros vinte; pero tamén en bancos, fontes, cruceiros e ata na torre Berenguela da catedral de Santiago.
En espazos lúdicos e de encontro
“En moitos casos, como os da praza do Obradoiro, entendemos que están elaborados nun dos principais espazos lúdicos da cidade, onde se facían as festas; como tamén pode ser nos cruceiros, relacionado coas feiras e romarías. E noutros casos, coma o de San Martiño Pinario, onde hai acumulacións de gran cantidade deles, vinculámolos á necesidade de buscar esmola de boa parte da poboación”, sinala Luis Leclere.
“Reflicten a desigualdade existente nese momento e o sistema asistencial baseado na mendicidade“
Subliña que “reflicten a desigualdade existente nese momento e o sistema asistencial baseado na mendicidade”. Cren que foron gravados, sobre todo, no século dezaoito, durante o esplendor do Barroco Compostelán.
A orixe dos taboleiros de xogo atopámola na prehistoria. Os máis antigos que se localizaron están en asentamentos do Neolítico no Mediterráneo Oriental e en Asia. Pero en ningún outro lugar de Europa existe tal concentración de taboleiros de xogo gravados na pedra e ao aire libre como en Compostela.
O granito perdura
“Apareceron noutros lugares de España e de Europa, pero non en tal número. E o motivo é que aquí temos pedra e unha vez gravada a pedra é moi difícil que se deteriore. Noutros lugares o que hai é ladrillo e no ladrillo o máis probable é que unha peza así xa fora reposta, reparada ou caleada”, apunta Miguel Taín, profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago.
“Se non está inventariado, non é coñecido, e se non é coñecido, non se pode protexer“
Este experto no patrimonio compostelán pide ás administracións que promovan a súa catalogación e protección. “Santiago ten unha materia pendente coa súa historia. Moitas parcelas dela están aínda pendentes de estudos serios para protexela. Este elemento que temos aquí”, di Taín sinalando un dos taboleiros gravados ante o convento da Merced, “non está protexido. Se non está inventariado, non é coñecido, e se non é coñecido, non se pode protexer”.
Unha petición que tamén fai o presidente do colectivo ‘A Rula’, mentres nos ensina un dos taboleiros que acabaron baixo o cemento durante procesos de restauración ou pavimentación de rúas.
Entre os que se perderon, coa substitución da bancada, están os da praza da Quintana. “Cremos que a partir do século dezanove deixaron de facerse estes taboleiros. Pero temos constancia de que seguiron usándose ata mediados do século vinte, coa organización de campionatos na praza da Quintana”, asegura Luis Leclere. Agarda que non volvan caer no esquecemento.