Enlaces accesibilidad

A hostalería galega pide un plan de rescate

Por
Manifestacion da hostaleria galega en Santiago

“A situación do sector é insostible desde o punto de vista económico”. É o berro desesperado que lanzaban desde a Praza do Obradoiro seis asociacións de hostalaría de toda Galicia nun manifesto conxunto. Tras percorrer a pé o último treito do Camiño Francés polas rúas da capital galega, centos de hostaleiros concentrábanse diante da catedral compostelá.

Temos que comer e sen axudas non podemos saír adiante

“Levamos xa moitos meses aguantando e non podemos resisitir máis. Aos restaurantes e bares non nos deixan traballar e os hoteis e establecementos de hospedaxe que si poden abrir teñen dificultades para facelo por falta de clientes. Temos que comer e sen axudas non podemos saír adiante”, asegura Sara Santos, presidenta da Asociación de Hostalaría de Compostela. Piden un plan de rescate urxente ante os efectos das restriccións para tratar de frear os contaxios da COVID-19. Un plan que contemple, entroutras medidas, modificacións nas cotas da seguridade social, o IVE reducido e axudas directas. “Axudas, non créditos que non podemos pagar”, matiza Sara Santos.

Pero non consideran as axudas como a única solución aos seus problemas. Reclaman que lles deixen traballar cuns criterios claros. “Non vai ser posible pagar os impostos, as taxas á seguridade social, o IRPF, os alugueiros, porque non temos liquidez. Se non nos deixan traballar, como nos piden que paguemos?” sostén Cheché Real, presidente da Asociación provincial de Hostalaría de Lugo, que califica de “escasas” as axudas prometidas pola Xunta.

Sosteñen que os seus negocios son seguros

“Só un 2,1% dos gromos se producen nos locais de ocio, o que representa o 4,7% do total de casos activos”, apuntan no seu manifesto, no que piden á Xunta que “non é momento de eximirse de responsabilidades, criminalizando á hostalaría e tentando presentala como principal responsable da actual situación”. Polo que consideran “desproporcionadas” as medidas aplicadas polo Goberno galego, que mantén a hostalaría pechada en 67 concellos, entre eles as principais cidades, e co aforo limitado á metade no resto.

Para Cheché Real a manifestación de hoxe é un chamamento ás autoridades políticas e sanitarias “para facelas partícipes da indignación e o malestar de todo o sector”. E engade que quizais sexa tamén “a última oportunidade para evitar unha debacle” co peche definitivo de moitos negocios.