O peche da hostalaría afunde os prezos de peixes e mariscos
- A un mes para o Nadal, especies coma o peixe sapo ou a robaliza reducen o seu valor tralo peche de bares e restaurantes
- Coronavirus: última hora en directo | Mapa de España | Evolución de la curva
- Mapa mundial | Qué se sabe de la vacuna
Xoves,19 de novembro. Á Praza de Abastos de Pontevedra, un dos mercados con máis sona de Galicia, chegan os clientes a contagotas. Nada que ver co ambiente das fins de semana, nas que a pandemia non logrou frear a afluencia de compradores chegados de moitos puntos da comarca.
Fixámonos nos prezos: Nécora da ría, 24 euros o quilo. Camarón, 65 euros. Bruño, a 13. Ameixa babosa, a 23. Centola, a 20 euros. “Outro ano calquera a centola venderíase xa a 25 ou 26 por estas datas. Agora, a 16, 18 ou 20 dependendo do día”, explica Margarita González, unha das vendedoras do mercado. “Teño aí unha caixa de percebes preciosa a 55 euros que normalmente vendería a uns 10 ou 15 euros máis”.
Baixan, sobre todo, os peixes grandes
Atribúen os praceiros esta caída dos prezos ao peche dos restaurantes. “Peixes grandes coma o peixe sapo ou o ollomol, que traballan a hostalaría, baixaron 4 ou 5 euros. Estarían moito máis caros se os restaurantes estivesen abertos. Ademáis, nesta época todo o marisco xa iría subindo bastante, e agora estáse mantendo”. Así o explica Mari Carmen Santos, presidenta das vendedoras.
Incerteza ante o consumo en Nadal
A 34 días para a Noiteboa, preocupa aos vendedores como se vai comportar o consumidor nesta situación de pandemia. “Pola semana non, pero as fins de semana estamos vendendo moi ben. A xente leva para conxelar, e non podes engañala con produto de fóra, coma a nécora de Escocia, que non ten a mesma calidade”, explica Margarita González. “A xente non pode ir a restaurantes nin facer grandes festas familiares, así que quere darse un capricho na casa”.
“Se eu non podo sentar na mesa en Noiteboa aos fillos que teño casados, non me meto a mercar tanta comida“
“A ver se nos avisan con tempo”, apunta unha clienta. “Se eu non podo sentar na mesa en Noiteboa aos fillos que teño casados, non me meto a mercar tanta comida, evidentemente”.
“Algúns clientes, como non saben se vai haber ceas, levan marisco igual. Din: se nonos podemos xuntar, doulle un centolo a cada fillo”, indica cun sorriso Mari Carmen Santos.
Ante a perspectiva do Nadal máis atípico, os praceiros animan a todo mundo a achegarse aos mercados, a vivir o ambiente das prazas de abastos. Un xeito de apoiar os negocios de proximidade.