Persoal sanitario denuncia que se están a cancelar citas para poñer a vacina da gripe debido á escaseza de doses
- A Consellería de Sanidade asegura que só se prioriza aos pacientes de risco
No ambulatorio Concepción Arenal, no centro de Santiago de Compostela, seguían esta mañá coa cancelación e aprazamento das citas para vacinarse da gripe a persoas menores de 65 anos.
Unha situación que se repite en centros de saúde de toda a comunidade, segundo denuncia a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.
O seu voceiro e facultativo neste ambulatorio, Jesús Sueiro, asegura que “non se fixeron ben as contas e non hai doses suficientes. Xa practicamente na segunda semana da campaña, en outubro, esgotáronse este tipo e vacinas para este grupo de idade e agora están suministrándoas, pero a contagotas”.
A Xunta di que aínda hai stock nos almacéns centrais
A consellería de Sanidade, que hoxe declinou facer declaracións a Televisión Española, sostén nun comunicado que “nos centros de saúde hai aínda sen administrar 63.281 doses da vacina INFLUVAC tetra, que é a que se destina a persoas menores de 65 anos”. E que ademáis nos almacéns centrais das áreas de saúde “existe un stock doutras 68.709 doses”. Insiste Sanidade en que agora mesmo se está dando prioridade á poboación de maior risco.
“Unha vez que fas a propaganda, tes que poñer os recursos, os medios para cumprir as expectativas que estás provocando na poboación“
"Eles din que priorizando, pero en realidade é un eufemismo para dicir que estamos racionando porque non hai doses suficientes para acadar unha vacinación masiva, que era a mensaxe que se fixo a principios da campaña”, sinala Jesús Sueiro. Critica que “se fíxo unha campaña de animar á vacinación. Os políticos incluso se vacinaban e eran xente nova, non de risco. Dando a imaxe de que é moi importante, sobre todo este inverno, para non ter dúas pandemias xuntas. A todos nos pareceu unha mensaxe moi axeitada. Pero claro, unha vez que fas a propaganda, tes que poñer os recursos, os medios para cumprir as expectativas que estás provocando na poboación".
E denuncia que centros de saúde de Vigo recibiron un correo electrónico do Sergas avisando de que posiblemente xa non haxa máis suministro, cando falta máis dun mes para que remate a campaña.