Enlaces accesibilidad

Caen os contaxios e os casos activos da Covid-19 en Galicia, pero aumentan as hospitalizacións

Por
Caen os contaxios e os casos activos da Covid-19 en Galicia

Os contaxios da COVID-19 baixan por terceiro día consecutivo en Galicia. Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 323 por PCR, o que supón a menor cifra de positivos diarios desde o 15 de outubro.

Os casos activos seguen descendendo e sitúanse en 8.669, 159 menos ca onte e un milleiro menos que hai dúas semanas. Baixan en tódalas áreas sanitarias, agás en Ferrol.

Medra a presión asistencial

Pero aumenta a presión asistencial, con 559 persoas ingresadas, 20 máis ca onte. Cen delas seguen na UCI. Nas últimas horas faleceron nove persoas, co que o total de mortos pola COVID en Galicia sobe a 1.146.

Vigo segue a ser a área sanitaria máis afectada. Se ben hoxe logra baixar ata os 2.260 casos activos, 60 menos ca onte, estes supoñen máis da cuarta parte dos de toda Galicia. Esta fin de semana o Sergas comezaba un cribado masivo na principal cidade de Galicia. Presentáronse o 72% dos algo máis de dous mil convocados ao Covid-auto do Hospital Meixoeiro.

En Vigo os datos empeoraron e a maneira de facer unha criba creo que é a mellor, non lle vexo sentido a non vir facer a PCR

“Convocáronme hai uns días por SMS. Din que é voluntario, pero, por que te vas negar? Aquí hai que vir, paréceme ben que o fagan”, dicía unha das persoas citadas polo Sergas a esta primeira fase do cribado. “É o que nos toca facer a todos. En Vigo os datos empeoraron e a maneira de facer unha criba creo que é a mellor, non lle vexo sentido a non vir facer a PCR”, engadía outro.

Entre 20 e 60 anos

En total fixéronse 1.490 PCR a persoas adscritas ao centro de saúde de Sárdoma, elexidas de xeito aleatorio na franxa de idade entre 20 e 60 anos e que non se someteran a esta proba nas últimas dúas semanas.

O obxectivo é convocar durante o próximo mes a uns vinte mil vigueses dos 16 centros de saúde. É o primeiro paso para detecar o maior número de persoas asintomáticas e porlle freo á expansión da COVID-19 na cidade. A vindeira fin de semana tocaralles aos veciños que teñan o seu médico de familia en Lavadores.