Enlaces accesibilidad

42 anos de paixón polo cine, a pesar da pandemia

Por
42 Semana de Cine de Lugo

A organización da 42 Semana de Cine de Lugo é un “exercicio de resistencia e de desafogo cinematográfico de cara a situación que estamos vivindo”. Quen así se expresa é Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, colectivo que desde o ano 1979 organiza a clásica cita luguesa co cinema de autor.

“Seguimos sendo os mesmos corenta e un ano despois” engade Xiz que tamén cita ao director deste evento cinematográfico, Manuel Curiel, para lembrar que a pesar da idade, “mantemos a forza e a ilusión daqueles primeiros tempos”.

O programa inclúe un apartado específico para o cinema galego, as curtametraxes, o cine documental ou a relación do cine coa gastronomía

‘Maquis’ (2020), dirixida por Rubén Buren, o filme serbocroata ‘Aleksi’ (2018) de Barbara Vekaric ou ‘Eu tamén necesito amar’ (2019) do galego Antonio Caeiro son só algunhas das películas que compiten polo favor do público na sección oficial.

As curtas tamén son cine

Ata o próximo sábado, 28 de novembro, o programa inclúe preto de 200 proxeccións cun apartado específico para o cinema galego, as curtametraxes na sección “As curtas tamén son cine”, o cine documental ou a relación do cine coa gastronomía.

As entradas son de balde e as restriccións establecidas contra a pandemia limitan o aforo das proxeccións a trinta espectadores por pase nunha edición que homenaxea a dous actores lugueses gañadores de premios Goya: Luis Tosar e Benedicta Sánchez.