Díaz Barreiros, presidente da CEG por aclamación, ofrece ao seu rival entrar nos órganos de goberno
- Pedro Rey retirou a candidatura no último momento e bríndalle "todo o apoio", pero di que "en principio" non ten pensado aceptar
O novo presidente da confederación de empresarios de Galicia, José Manuel Díaz Barreiros, foi elixido por aclamación tras chegar a un acordo co seu rival, o vigués Pedro Rey, que retirou a súa candidatura minutos antes da votación. "Prima a unidade empresarial por encima de todo", asugurou Díaz Barreiros.
O novo presidente dos empresarios de Galicia dixo que ofrece a Rey "colaborar" como vogal nos órganos de goberno da patronal galega, que son o comité executivo e a xunta directiva.
"Pedinlle que colabore nos órganos de goberno, preto do presidente. Que non sexa un mero asociado, senón que teña un papel destacado", destacou, ao constatar que existían "poucas" diferenzas entre ambos os programas.
Pedro Rey brindoulle "todo o apoio" e desexoulle sorte neste "reto", pero dixo que "en principio" non ten pensado aceptar porque non quere "absolutamente nada" que teña que ver con postos. "Eu convencereiche", chanceou Díaz Barreiros.
Nos últimos minutos
Díaz Barreiros pediu disculpas por chegar a este acordo apenas cinco minutos antes de que a asemblea votase para elixir entre as dúas candidaturas, e cando algúns membros da organización xa emitiran os seus apoios de maneira telemática.
O novo presidente da patronal galega admitiu "tensións" no seo da CEG e atribuíuno a "un problema de representatividade das organizacións sectoriais".
Avogou por impulsar unha comisión para a reforma estatutaria para "actualizar" o documento neste e noutros aspectos como que "o presidente ten que ter o seu equipo". "Quero que a CEG teña o carácter empresarial do século XXI", subliñou.
Para "finais de ano ou primeiros de ano", o novo responsable da patronal galega espera convocar unha xunta directiva, pois antes ten que "sentar e coñecer ben a casa".
En calquera caso, reivindica non nacer "como un presidente sen consenso" tras unha candidatura en que traballou varios meses "sen improvisación" e con apoios que cre que lle permitirán "traballar por máis unidade empresarial".