Enlaces accesibilidad

Os zapatos convértense en símbolo das vidas perdidas pola violencia machista

  • Os colectivos que atenden a mulleres maltratadas relacionan a caída de denuncias deste ano coas dificultades do confinamento

Por
Os zapatos convértense en símbolo das vidas perdidas pola violencia machista

Os zapatos convertéronse en Vigo no símbolo das vidas perdidas por violencia machista. No que vai de ano, en todo o estado, 41 mulleres foron asesinadas a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia.

Esta instalación representa a dor, o loito colectivo. É un dos moitos actos que hoxe se celebran en Galicia para recordar as mulleres ausentes e aos seus fillos. Convocouno en Vigo a Fundación Érguete Integración que traballa con mulleres en programas de adicción, emprego e nos cárceres.

Maite Pena, técnica de igualdade da Fundación Érguete Integración destacou que “o 85 por cento das mulleres presas son vítimas de violencia de xénero, e moitas delas cumpren condenas por delictos cometidos baixo maltrato.”

O confinamento agravou a indefensión das vítimas

A experta destacou tamén que durante o confinamento, as vítimas sufriron máis ao estaren obrigadas a vivir as 24 horas co seu agresor. Moitas delas perderon o traballo, e polo tanto os recursos económicos que lle podían facilitar una saída.

Nos primeiros seis meses do ano, as denuncias por violencia machista caeron máis dun 13 por cento. Os servizos de atención ás mulleres maltratadas achacan esa baixada ao temor das vítimas a denunciar ao agresor co que convivían, e agravando así a súa situación.

En Galicia, de xaneiro a xuño, máis de 1000 mulleres solicitaron ordes de afastamento

Rosa Fontaíña, coordinadora e portavoz da Rede de Mulleres contra os malos tratos de Vigo, explica que durante o confinamento, as vítimas de violencia non tiñan liberdade para pedir axuda nen ferramentas para defenderse: “Non podíamos chamar a una muller á casa, non podíamos falar a calquera hora cunha muller porque estaba confinada co maltratdor.  Isto foi un enfoque bastante malo”.

En Galicia, de xaneiro a xuño, máis de 1000 mulleres solicitaron ordes de afastamento dos agresores.