Enlaces accesibilidad

Mestre rural, mestre vocacional

  • Educación pechou 112 escolas na última década, a maioría en zonas rurais
  • En Galicia, como noutras 10 comunidades, os mestres rurais non teñen incentivos salariais ou de horarios

Por
Mestres rurais en Galicia

Figura inconfundible no século XX, o mestre rural segue a prestar un servizo fundamental no que vai do XXI, sobre todo para contribuír a fixar poboación e loitar contra o envellecemento. A pesar da falta de incentivos específicos, e do peche de escolas, máis de cen na última década, os profesores dos colexios rurais exercen con vocación para axudar aos máis pequenos a descubrir o mundo.

No colexio público integrado Poeta Uxío Novoneyra, situado en Seivane, no municipio de Folgoso do Courel (1.024 habitantes), na montaña luguesa, estudan 35 nenos e nenas. Contan con entre 12 e 15 mestres, unha moi boa proporción de alumnos por docente, o que permite un ensino personalizado e familiar.

“Eu creo que é un cole estupendo, de verdade, aquí somos felices, a xente é maravillosa”, explíca Pilar Freire, mestra de infantil, nunha entrevista coa xornalista de TVE Marga Gallego.

As vantaxes dun centro con pouca matrícula nun privilexiado entorno natural como as montañas do Courel quedan claras tamén nas palabras de Lourdes González, directora do centro: “O máis bonito de Galicia, porque está nun entorno precioso. En infantil e primaria non hai nenos por nivel, senón que están todos mesturados e iso facilita traballar dunha maneira moi distinta e moi enriquecedora tamén”.

Por outra parte están as desvantaxes, que tamén as hai. “O illamento e a dificultade das comunicacións, os quilómetros son os que son”, sinala a mestra Pilar Freire.

Esta docente pensa que os mestres rurais necesitan “máis incentivos”, o que pasa é que desempeñan o seu traballo “cos incentivos postos de serie”.

Galicia é unha das dez comunidades autónomas que non aplica ningún incentivo no salario, no horario, ou en forma de puntos na carreira profesional para os profesores das zonas rurais.

112 escolas menos nunha década

Nos últimos dez anos a Consellería de Educación pechou 112 escolas. As dúas últimas este ano antes do comezo do curso. A maioría corresponden a escolas unitarias en municipios rurais, o que motiva a crítica dos sindicatos do ensino.

Como non hai alumnado, pechamos as escolas, e como as escolas están pechadas, non hai alumnado. Isto, obviamente, non nos conduce a ningún lugar bo

Unha espiral un tanto absurda”, segundo o secretario de organización do Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG), Lois Pérez. “Como non hai alumnado, pechamos as escolas, e como as escolas están pechadas, non hai alumnado, isto obviamente non nos conduce a ningún lugar bo”, engade Lois Pérez quen advirte que os peches continuados nos últimos anos contribuén a aumentar a duración das viaxes do transporte escolar.

“Non pode ser que as meniñas e os meniños teñan que facer con 4 ou 5 anos ata unha hora, ou nalgúns casos máis, de viaxe en bus para poder ir á escola” suliña o secretario de organización do STEG que considera estes tempos “unha atrocidade” para os máis pequenos.

A pesar das dificultades do ensino no rural, os mestres que prestan o servizo público básico da educación adoitan obter a recompensa da satisfacción e cariño dos alumnos.