A Xunta suaviza as restricións en seis concellos e aplica a outros seis as medidas máis duras
- Sanidade establecerá desescaladas diferentes entre as cidades e os municipios de menos de 10.000 habitantes
- Coronavirus: última hora en directo | Así evoluciona la curva | Municipios confinados en España
- Mapa mundial | Qué se sabe de la vacuna contra el coronavirus
A Xunta decidiu, trala reunión do subcomité clínico deste venres, incluír seis novos municipios nas restricións máis duras e sacar outros seis desa situación.
Baixan do nivel 3 de restricións ao 2 os municipios de Vedra, O Pino e Mugardos (A Coruña); Viveiro (Lugo), e Toén e San Cibrao en (Ourense). Deixan, por tanto, de estar pechados perimetralmente e poderá reabrir a hostalería.
En cambio, pasan a estar pechados os concellos de Ribadumia, Meis e Meaño, na comarca do Salnés, cun peche perimetral conxunto; e os de Cee, Dumbría e Muxía, na comarca de Fisterra.
As cidades agardan a evolución dos contaxios
Entre os grandes municipios, son Ourense e Santiago os que presentan unha "moi boa evolución", segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o que fai prever que poderán pasar a "menores restricións" en canto haxa "máis estabilidade" na redución dos contaxios que mostraron nos últimos días.
O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da covid-19 presentará o martes as condicións de saída das restricións para os concellos que agora están pechados, uns 60, que establecerá diferenzas entre as cidades e o rural.
O límite vaise fixar nos 10.000 habitantes, segundo explicou o conselleiro de Sanidade.
Cribados semanais nas residencias
Na mesma rolda de prensa, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o seu departamento realizará auditorías quincenais en todas as residencias de maiores para comprobar que se cumpren os protocolos fronte á covid-19 e axudar a que se apliquen correctamente.
Ademais, os dous conselleiros informaron sobre o incremento da frecuencia de cribados aos traballadores das residencias, que serán cada 7 días en lugar de cada dúas semanas como agora. Tamén porán a disposición destes centros test de antíxenos, tanto para probas a pacientes como para empregados.
Tamén dixeron que se fará un cribado adicional aos usuarios de residencias que non rexistraron ningún caso positivo.
Xuntanzas de Nadal en análise
As autoridades e os asesores sanitarios buscan fórmulas para combinar as posibilidades de celebración do Nadal coa seguridade sanitaria.
Os expertos aconsellan que cantos menos sexan os participantes nas celebracións, mellor.
Está tamén pendente de decidir se os nenos contan ou non para decidir o número de persoas permitidas nas xuntanzas festivas.