Enlaces accesibilidad

Hostaleiros, proveedores e vendedores ambulantes denuncian en Pontevedra a situación do sector

Por
A hostalaría de Pontevedra clama pola supervivencia do sector

Deitados no chan da Praza de España para simbolizar a “agonía” do sector da hostalaría. É unha das imaxes que nos deixa este luns na cidade de Pontevedra. Unha protesta que non pasou desapercibida para os cidadáns.

Centos de hostaleiros, autónomos e proveedores concentrárose no edificio da Xunta, en Campolongo, e percorreron a cidade con asubíos, bombos e cazolas. Fixeron parada no Concello, na Deputación e na Subdelegación do Goberno, porque a súa demanda, din, vai dirixida a todas as administracións: “Necesitamos apoio porque non estamos a xerar ingresos", explica Víctor Pampín, presidente da asociación HOEMPO. “A nivel local, en taxas como auga, lixo, veladores, IBI... Tamén axudas a nivel autonómico para que poidamos reactivar os negocios e abrir con todas as garantías, pero sen moitas restricións, porque, do contrario, haberá locais aos que non lles compense abrir. A situación é cada día máis crítica. Mañá empeza outro mes con novos impostos, taxas e alugueiros. Cos negocios pechados a situación agrávase".

Agora na ponte xa contamos con que haberá que seguir pechados. A ver que pasa co Nadal. Estamos ao límite

“Necesitamos que nos expliquen por que se nos pecha cando as taxas de contaxios son tan baixas na hostalaría”, indica o chef Pepe Solla. "Agora na ponte xa contamos con que haberá que seguir pechados. A ver que pasa co Nadal. Estamos ao límite”, afirma Teresa, propietaria doutro local. “Non somos o problema. Todos somos autónomos e uns traballan e outros non, temos dereito a vivir. Esto vai para os políticos, que nos escoiten xa”.

Vendedores ambulantes

Tamén o colectivo de ambulantes quixo sumarse á mobilización. “Temos mercadillos pechados, outros ao 50 por cento e a xente xa non acode como antes", indica Margarita González, presidenta da Asociación de Ambulantes. “Non ganamos para pagar impostos e estamos afogados”.

Plataforma de afectados pola covid-19

Moitos dos manifestantes son xa membros dunha plataforma recén creada en Pontevedra. O seu obxectivo é promover accións de axuda ás persoas e entidades máis afectadas pola pandemia. Iniciaron xa unha campaña de captación de apoios entre os cidadáns e, polo de agora, adheríronse máis de 1.100 empresas e particulares.