Tráfico controlará a seguridade do transporte escolar galego
- En Galicia saen cada día ás estradas 1.400 rutas, a cuarta parte das de toda España
- Os condutores deberán someterse a probas de alcoholemia e a test de drogas
A Dirección Xeral de Tráfico realiza esta semana unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar. Un dispositivo especialmente sensible en Galicia, onde cada día saen ás estradas 1400 rutas.
Dende o nivel de desgaste das rodas ao bo funcionamento das portas de emerxencia, os axentes da Garda Civil e as Policías Locais prestan especial atención ao cumprimento das medidas de seguridade e o bo estado dos vehículos.
Tamén verifican que teñen os permisos precisos para realizaren estas rutas. Os incumprimentos nestas cuestións sumaron a meirande parte das 352 denuncias que se formularon na última campaña de vixilancia do transporte escolar.
Familias e condutores xogan un papel esencial na seguridade das rutas
A campaña tamén prestará atención ao estado dos condutores, que deberán someterse a probas de alcoholemia e a test de drogas. Son incumprimentos moi excepcionais, aos que se presta atención durante todo o ano, como demostra a recente sanción a un chófer de Pereiro de Aguiar que deu positivo en cocaína.
Os axentes buscarán a colaboración das familias, para que lles comuniquen calquera dúbida sobre o estado dun vehículo ou condutor. Tamén lles pedirán, durante esta campaña, que teñan precaución á hora de deixar e recoller aos cativos.
Hai máis dunha década que as rutas escolares non rexistran vítimas mortais, pero si se producen accidentes. O 90 por cento son atropelos ou alcances na subida ou baixada do autobús, por distraccións dos pais, cativos e condutores.