Enlaces accesibilidad

Comeza o xuízo pola demanda do comité de Alcoa contra o despedimento de 524 traballadores

  • Alcoa argumenta que houbo 120 días de consultas e alega perdas dun millón á semana para xustificar o ERE
  • Industria di que "pechar unha planta de aluminio é caro e non é a mellor solución"

Por
Comeza o xuízo pola demanda do comité de Alcoa contra o despedimento de 524 traballadores

A defensa de Alcoa nega que houbese "mala fe" no ERE presentado na planta de aluminio en San Cibrao. No xuízo polo despedimento colectivo, indicou que houbo 120 días de consultas cos traballadores, e sostén que se accedeu a un período de negociación de venda e propuxéronse alternativas como a dun ERTE.

Todo iso, con perdas de "un millón á semana", que superarán os 58 millóns ao peche de 2020. A representación da multinacional do aluminio defendeu que o ERE para máis de 500 traballadores é lexítimo ao existir causas produtivas, organizativas e económicas con perdas de carácter estrutural.

Industria di que é caro pechar

O Ministerio de Industria explicou no xuízo que pechar a planta de Alcoa "é carísimo", por iso a propia empresa asegurou que "non se pecha", e ademais "non é a mellor solución".

"Pechar unha planta de aluminio é caro e non é a mellor solución, só cando está amortizada, e San Cibrao é produtiva, non ten sentido pechala", sostivo o avogado do Estado que intervén en representación do Ministerio.

Mobilización dos traballadores de Alcoa San Cibrao xuízo do ERE colectivo

Mobilización na Mariña

Ao redor das dez da mañá confirmouse que fracasara o trámite da conciliación e ía comezar o xuízo. En Cervo, os traballadores empezaron a cortar o acceso principal á fábrica con barricadas de neumáticos, ás que logo lles prenderon lume.

Tamén queimaron os carteis de Alcoa situados na mesma entrada do complexo industrial, preto do campamento montado polo comité para controlar os accesos e saídas da fábrica desde que comezou a folga indefinida, no mes de outubro, e de novo volveron escoitarse consignas a favor dunha intervención pública da fábrica e en contra da multinacional americana.