A neve e a choiva complican o tráfico en case 40 estradas e deixan sen clase a máis de 1.600 alumnos
- O 112 Galicia contabiliza preto dun centenar de incidencias relacionadas coa climatoloxía adversa
- Hai restricións para a circulación de camións en 8 vías
A situación meteorolóxica complica este venres a circulación en case 40 estradas galegas, entre elas varias autovías, especialmente na provincia de Lugo, onde hai unha ducia de viais afectados por nevadas.
O 112 Galicia contabiliza preto dun centenar de incidencias relacionadas coa climatoloxía adversa e en oito vías a circulación dos camións está condicionada.
Centros escolares pechados
A neve afectou a centros de ensino en Lugo, Ourense e A Coruña. En total víronse afectados 1.663 escolares de 36 centros educativos, dos que 21 tiveron que suspender as clases, segundo a Xunta.
A maioría das incidencias rexistráronse na provincia de Lugo, con 1.109 alumnos e 22 centros afectados.
Dispositivo especial en Lugo
O Concello de Lugo informou de que se viu obrigado a activar un "dispositivo especial de seguridade" na cidade como consecuencia das precipitacións en forma de neve que caeron de madrugada e ao longo de toda a mañá no municipio e á alerta amarela polo temporal de frío que afecta a provincia.
Ese dispositivo centrou a súa actividade nos puntos nos que se rexistra un maior tránsito de persoas e de vehículos, especialmente nas inmediacións do Hospital Universitario Lucus Augusti e na entrada dos centros educativos da cidade.
Aviso vermello no litoral da Coruña
A borrasca Dora, que vai seguir afectando a Galicia durante os próximos días, obrigou a activar o aviso vermello no litoral da provincia da Coruña. As ondadas superan os oito metros de altura. Esta situación de risco máximo mantense mañá sábado. O resto da costa galega o aviso é de nivel laranxa.