Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín representan a agonía do sector para reclamar un plan de rescate
- Houbo tamén unha mención especial aos once profesionais do sector que están a peregrinar a pé a Madrid
- Coronavirus: última hora en directo | Mapa de España | Mapa mundial | Municipios confinados | Evolución de la curva | Vacuna
Soan campás a mediodía na Praza de España de Pontevedra. Alí ducias de hostaleiros e provedores protestan deitados no chan, baixo a chuvia, e metidos en sacos a xeito de cadaleitos. Varias semanas levan xa os empresarios e autónomos desta comarca reclamando ás administracións máis axuda a un sector cada vez máis afogado.
“Demandamos un plan de rescate, axudas sen letra pequena e que cheguen de xeito real, porque ata agora están tan condicionadas que non son accesibles“
“Queremos que nos deixen traballar con horario normal e mantendo todas as medidas hixiénico-sanitarias, como xa viñamos facendo, e a distancia de seguridade”. Así o explica Rubén González, un dos directivos da asociación Hoempo. “E en paralelo o que demandamos é un plan de rescate. E dicir, axudas sen letra pequena e que cheguen de xeito real, porque ata agora están tan condicionadas que non son accesibles para a maior parte dos hostaleiros.
Restricións máis suaves…, que non abondan
Dende a pasada fin de semana as restricións son algo máis suaves para a hostalaría da comarca: Permítese a apertura ata as cinco da tarde, cunha cabida máxima do 30 por cento no interior dos locais e do 50 por cento nas terrazas.
Unhas medidas que o sector cualifica de simples “parches”: ”Traballando ao cen por cen xa nos resultaba difícil en moitos casos chegar a uns resultados óptimos. Moita xente abriu e está traballando por tentar cubrir un mínimo de gastos, ou tentar axudar aos empregados, porque o tema dos ERTES ou ben non chega, ou non cobraron nalgúns casos ”.
Apoio á “Operación rescate Hostalaría”
Na concentración os hostaleiros gardaron un minuto de silencio polas vítimas da pandemia. Houbo tamén unha mención especial aos once profesionais do sector que están a peregrinar a pé a Madrid, ao Congreso dos Deputados: “Alí van reclamar ese plan de rescate xa, coma o resto de grandes países europeos, con cartos reais, cunha porcentaxe sobre vendas como en Alemaña”, indica Rubén González. “Levamos dende marzo sen traballar con normalidade…, o ocio nocturno non puido abrir. Son moitos meses xa, e xunto ao sector primario e demais sectores que arrastramos, somos moi importantes para o PIB deste país”.
Os integrantes da chamada “Operación Rescate Hostalaría” completan hoxe a oitava etapa da peregrinación: 41 quilómetros pola provincia de Zamora entre Otero de Bodas e Granja de Morezuela. Polo camiño están a recibir numerosos apoios, entre eles, un moi especial que chegou dende Arxentina: o do Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel. Por diante teñen aínda unha semana de andaina. Se non hai imprevistos, chegarán o próximo luns, 21 de decembro, á capital de España