Enlaces accesibilidad

Sanidade agarda unha demanda masiva da vacina da covid19 como a da gripe, que presenta rexistros históricos

Por
Resposta á vacina da covid19

En menos de tres semanas, o 31 de decembro, remata en Galicia unha campaña de vacinación da gripe que deixa “cifras históricas”. Así o sinalou hoxe a Directora Xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Lembra que a demanda foi altísima, “moi por riba das expectativas”, o que levou á Xunta a adquirir, tras unha nova compra, hai un mes, máis de un millón de doses para inmunizar os galegos.

Sanidade acadou en boa parte as expectativas de cobertura para os grupos diana. Destaca Carmen Durán que xa se superou o obxectivo de inmunizar o 75% do persoal sanitario, mentres que o ano pasado non chegara ao 51%.

Persoas de risco

Un obxectivo que está a piques de acadarse tamén nas persoas maiores de 65 anos. A estas alturas xa se vacinaron o 70%, se ben nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense ronda o 75%.

As persoas que non estaban incluídas nos grupos de risco pódense vacinar agora ata que se acaben as doses que temos en stock

A directora Xeral de Saúde Pública fixo un “chamamento especial” ás persoas de risco que aínda non se vacinaron para que soliciten cita o antes posible no seu centro de saúde.

A maiores, engadiu Carmen Durán, “ábrese a campaña para toda a poboación xeral. As persoas que non estaban incluídas nos grupos de risco pódense vacinar agora ata que se acaben as doses que temos en stock”. Un stock que ascende a preto de 200.000 doses aínda dispoñibles, a maior parte nos centros de distribución e algo máis de 57.000 nos almacéns.

Ningún caso de gripe

Polo momento en Galicia non se detectou ningún caso da gripe,  "algo excepcional” a estas alturas do ano. Carmen Durán lembra que isto se explica en boa parte polas medias de prevención da covid-19. Pero tamén pola alta taxa de cobertura pola vacinación, polo que insta a facer o mesmo cando estea dispoñible a vacina da covid-19.

“O que estamos pedindo é que esta resposta que hoxe presentamos ante a vacinación da gripe poidamos sentarnos nesta mesa dentro duns meses e presentar a mesma resposta coa vacinación da covid. Imos facer todo o posible para comunicarnos coa poboación e explicarlles que estamos ante unha vacina segura, eficiente, e Deus queira que esteamos ante o principio do fin desta pandemia”, conclúe a Directora Xeral.