A Xunta aconsella reunións de Nadal de só conviventes ou de dúas unidades familiares para maiores que viven sós
- Caso de non conviviren, xuntaranse un máximo de seis persoas
- Peche perimetral de Galicia do 23 ao 6 de xaneiro, coa excepción de visitas a familiares
A unha semana da Noiteboa, coñecemos como será o Nadal do coronavirus en Galicia. Adeus ás comidas multitudinarias. A Xunta recomenda que as celebracións se fagan exclusivamente coas persoas conviventes. O conselleiro de Sanidade presentou hoxe o conxunto de medidas acordadas na última reunión do comité clínico para reducir a expansión do virus durante os festexos.
Julio García Comesaña puntualizou que, no caso de non ser posible o cumprimento desta recomendación, como moito poderán xuntarse dúas unidades familiares “se houbese que incluír maiores que vivan sós”. O plan contempla que, no caso de reunirse máis de dúas unidades familiares, non se poderá exceder o límite de 6 persoas, sen contar os menores de dez anos, que non computan.
Grupo "burbulla"
O conselleiro de Sanidade insistiu en que o grupo “burbulla” debe ser o mesmo en cada unha das celebracións e pediu que “non nos fagamos trampas ao solitario reuníndonos cunha unidade familiar o 24 pola noite, con outra diferente o 25 ao mediodía, outra o 31 e outra o día 1, porque ao final estaremos reuníndonos con máis dunha unidade familiar”.
Mesa ampla, con metro e medio entre comensais, e colocada por unha soa persoa; espazos abertos ou con ventilación, non compartir bebida e retirar a máscara só no momento xusto de comer... así como reducir as relacións sociais nos días previos, son outros consellos para evitar contaxios nestas festas.
“É o último Nadal sen vacina, non tiremos pola borda todo o traballo feito, todo o esforzo“
“É o último Nadal sen vacina, non tiremos pola borda todo o traballo feito, todo o esforzo”, dixo o conselleiro, que pediu que “neste Nadal se celebren as cousas doutra maneira, como doutra maneira levamos vivindo prácticamente todo o ano 2020. Non nos relaxemos, non vale a pena. Vivamos un Nadal con sentidiño”
Peche perimetral
Galicia permanecerá pechada perimetralmente do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, pero un dos motivos xustificados para entrar na comunidade serán as visitas a familiares. O Sergas podería facer test aos estudantes e viaxeiros que cheguen desde zonas cunha incidencia da covid elevada.