Enlaces accesibilidad

Santiago volve ao peche perimetral ante a repunta de contaxios dos últimos 14 días

  • As limitacións da Xunta nótanse xa nas compras e preparativos de Nadal
  • O comité clínico avalía o luns se abre a cidade para as festas

Por
Santiago volve ao peche perimetral

Primeiro día do novo peche perimetral de Santiago. A unha semana exacta para Noiteboa, visitamos a praza de abastos, un dos centros neurálxicos da cidade. O xoves soe ser un día forte, pero hoxe nas naves do marisco e do peixe notan menos movemento. “Notouse un pouco a baixada e máis comparado cun xoves antes de noiteboa: tería que ser de moita venda e está sendo normal”, asegura un peixeiro.

Comidas e ceas

Inflúe tamén que este Nadal as comidas e ceas serán menos multitudinarias. Malia que hai a posibilidade de xuntarse ata dúas unidades familiares, moitos seguirán a recomendación da Xunta de celebralo só coas persoas conviventes.“Seremos os da casa nada máis” é unha das respostas que máis repiten as persoas ás que preguntamos. “Polo menos se evitamos que esto vaia a máis, para o ano xa o celebraremos todos xuntos se Deus quere”, engade outra muller.

En todo caso, teñen claro que, de xuntarse varias familias, repetarán o límite máximo de seis adultos. “Se algo bo tiña que ter isto, é que hai que mercar menos marisco e iso agradéceo a carteira”.

Percebes e cigalas a sesenta euros o kilo, centolas e nécoras rozando os trinta… o prezo do marisco comeza a repuntar. Con todo, as vendas vanse mantendo. “Eu non o esperaba, pero ata agora están sendo incluso mellores có ano pasado”, sostén o peixeiro Antonio Caamaño, que recoñece, non obstante, que “polo momento hai menos pedidos para os días 23 e 24, vese que a xente xa foi mercando para conxelar”.

Comerciantes pesimistas

Os comerciantes de Santiago afrontan con pesimismo o novo peche ás portas da semana de Nadal, cando moita xente fai as compras de agasallos. Lamentan que van perder a campaña de máis vendas do ano, ao non poder recibir a clientes de toda a bisbarra, nin sequera dos concellos limítrofes, como no peche anterior. “Desta vez nin sequera deixan vir a xente de Teo ou de Ames, é un peche total. Ímolo pasar moi mal, acábannos de matar”, asegura o presidente da Asociación de Comerciantes, José Antonio Seijas.

Estamos a facerlle o caldo gordo a Amazon e compañía, porque os nenos non van quedar sen xoguetes

“Con esto estamos a facerlle o caldo gordo a Amazon e compañía, porque os nenos non van quedar sen xoguetes. Pero se aquí non os deixan comprar, nalgún sitio terán que mercar”, engade.

O endurecemento das restricións á capital galega chega tras dispararse a incidencia acumulada a catorce días, que pasou de 70 a 138 casos en apenas dúas semanas de apertura e cunha ponte festiva de por medio.

As taxas máis altas de contaxio rexistráronse no grupo entre 20 e 24 anos, moitos deles asintomáticos e, por tanto, máis perigosos para a transmisión do virus. “Na xente da miña idade coa apertura houbo moitas festas en pisos e demais”, recoñece un mozo. “A cuestión é se na ponte deberíamos seguir pechados ou non, e agora estamos pagando as consecuencias”, engade outro.

O comité clínico que asesora á Xunta avaliará o próximo luns se abre Santiago para as festas.