O falso médico 'Coté' e os afectados acordan seis anos de cárcere e máis de tres millóns en indemnizacións
- José Manuel López Pérez está acusado de exercer como falso médico en Ferrol e en Viveiro
- Recoñeceuse autor dos delitos de intrusismo, estafa, falsidade e lesións
José Manuel López Pérez, coñecido como 'Coté', acusado de exercer como falso médico en Ferrol e en Viveiro, recoñeceuse hoxe autor dos delitos de intrusismo, estafa, falsidade e lesións, e chegou a un acordo de conformidade cos afectados, que supón a aceptación de seis anos de cadea.
Na cuarta sesión do xuízo, na Audiencia Provincial da Coruña, a Fiscalía e dez das acusacións rebaixaron a petición de cárcere de 338 anos a seis.
Sen embargo, os avogados do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia e do Consello Xeral de Colexios Fisioterapeutas de España manifestaron a súa desconformidade coa redución de condena. Por iso, ata o día 13 de xaneiro, cando decidirán se se adhiren, a conformidade non é firme.
Atenuantes por dilacións e reparación do dano
O acordo contempla as atenuantes de dilacións indebidas e de reparación do dano, e supón a retirada dos delitos de homicidio por imprudencia e de lesións gravosas.
'Coté' recoñece ser autor dun delito de intrusismo, outro de estafa agravada continuada, falsidade en documento oficial, un de lesións agravadas e tres delitos de lesións simples por imprudencia grave.
A súa esposa, que se enfrontaba a unha condena de tres anos de cárcere, por branqueo de capitais, aceptou a pena dun ano.
Ademais, José Manuel López Pérez pagará 3,3 millóns de euros de indemnizacións ás 129 vítimas.