Enlaces accesibilidad

Os traballadores de Alcoa celebran a anulación do ERE de despedimento de 524 empregados da planta de aluminio

  • Sindicatos e Xunta pídenlle agora á multinacional que volva á negociación
  • O comité de empresa ofrece desconvocar a folga indefinida na fábrica

Por
Os traballadores de Alcoa celebran a anulación do ERE

A Mariña respira tras sete meses de mobilizacións. Os traballadores festexan a sentenza que impide a Alcoa executar o despedimento colectivo que afectaba a 524 traballadores e que deixaría practicamente sen funcionamento a última fábrica de aluminio primario de España.

Alberto Pulpeiro, vicepresidente do comité de empresa, subliña que os ánimos están altos porque "hai que recoñecer o éxito grande que acabamos de conseguir,  non todos os días se consegue a nulidade dun ERE".

Pechar a fábrica da maneira máis rendible

O fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aprecia “mala fe” e considera que Alcoa tiña tomada “a decisión estratéxica de parar as cubas para pechar a fábrica da maneira máis rendible”.

Os xuíces cren significativo que o ERE incluíra un número de traballadores “que lle pemitiría á multinacional pechar as cubas, pero sen ter que devolver as axudas que recibira das administracións.”

Agora mesmo é Alcoa a que ten a pelota no seu teito

Unha longa sentenza que os traballadores estudan hoxe polo miúdo para decidir os seguintes pasos. “Os xuíces fixeron o seu traballo, cunha velocidade incrible e sentímonos moi respaldados”, sostén José Antonio Zan, presidente do comité de empresa. “Agora mesmo é Alcoa a que ten a pelota no seu teito”, engade Zan, que lle pide á multinacional americana que “sente agora mesmo a negociar co goberno”. E se esa situación non se dá “a decisión debe ser política, da Xunta de Galicia e do Goberno de España. A Xunta debe deixar de decir que a única solución é a intervención e solicitala. E o goberno central o que ten que facer é executala", conclúe Zan.

A Xunta prefire a venda á intervención

Xunta e goberno central confían en que agora a empresa retome a fallida negociación para a venda da planta ao grupo Liberty House. “Para a Xunta de Galicia só hai unha alternativa: atopar unha solución industrial que garanta o emprego e a actividade industrial”, aseguraba hoxe o conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde.

“O que prefire a Xunta é que esa solución industrial veña dun acordo con Alcoa”, recoñece o conselleiro, que admite que “a alternativa da intervención sería peor opción”.

Alcoa insiste na reestruturación

Alcoa reitera que “actuamos de boa fe e en pleno cumprimento da lei”. A multinacional asegura que a fábrica leva tres anos en perdas pola situación do mercado e o prezo da electricidade.

Agora ten cinco días para presentar recurso ante o Tribunal Supremo contra este fallo, que chega xusto cando se cumpren 33 anos do afundimento do Casón e do traslado da súa carga tóxica á factoría de San Cibrao. Unha decisión aínda hoxe sen explicación oficial que provocara a única parada das cubas que rexistrou a fábrica e que os traballadores coa súa loita actual agardan que non se repita.