Enlaces accesibilidad

Os hostaleiros reclaman en Madrid, ante o Congreso, un rescate con axudas directas

Por
Os hostaleiros reclaman ante o Congreso un rescate con axudas directas

Con pancartas e aplausos. Así recibían hoxe na Moncloa hostaleiros de moitos puntos de España aos sete profesionais de Pontevedra que peregrinaron a pé á Madrid. Foi un percorrido duro. Atrás quedan dúas semanas de andaina. 14 etapas de máis de 40 quilómetros desafiando a chuvia e o frío de decembro.

Reclamamos todos os gastos do que non puidemos facturar durante nove meses. Non podemos seguir pagando se non temos ingresos

“Foi durísimo”, indica Marta García, unha das hostaleiras que completaron o percorrido, “pero máis dura é a situación económica na que nos atopamos. Reclamamos todos os gastos do que non puidemos facturar durante nove meses. Non podemos seguir pagando se non temos ingresos”.

De xeito semellante se expresa outro dos profesionais que se sumaron á marcha, Juanjo Gondar: “Traballamos con reducións de cabida, pero en cambio pagamos o cen por cen dos impostos. No meu caso só en novembro foron 6.500 euros entre alugueiros e seguros sociais que saíron dos meus aforros. O colchón acábase e o sector necesita unha inxección económica urxente”.

Axudas que non abondan

Outros profesionais de distintos puntos de España foron sumándose á concentración ante o Congreso dos Deputados. Alí unha representación dos hostaleiros se reuniu cos partidos políticos (PSOE e Unidas Podemos, PP, Ciudadanos e BNG).

Aseguran que as axudas que o Consello de Ministros ten previsto aprobar mañá, non son unha solución válida. Unha das principais medidas será a redución do 50 por cento do alugueiro nos establecementos de grandes propietarios, que teñan dez ou máis inmobles urbanos.

“Iso non chega á xente de a pé, ás empresas familiares”, asegura Juanjo Gondar. “Iso é un dous por cento dos alugueiros, non é unha solución”.

Pedimos un rescate para salvar os negocios e os postos de traballo. Tamén un ERTE unificado ao que se poidan acoller os traballadores

“Somos un sector maltratado e non estamos a recibir ningún tipo de axuda, cando España é a segunda potencia mundial en turismo”. Así o destacaba, á cabeza da manifestación, Víctor Pampín, o presidente da Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, HOEMPO. ”Pedimos un rescate para salvar os negocios e os postos de traballo. Tamén un ERTE unificado ao que se poidan acoller os traballadores para seguir subsistindo. Moitos xa están a ter dificultades para poder levar un bocado de pan á boca”.

A aprobación dunha moratoria automática dos créditos é outra das súas demandas. Son medidas polas que hoxe clama en Madrid un sector que en España representa a 300.000 establecementos e uns dous millóns de postos de traballo.