Enlaces accesibilidad

Últimas viaxes do histórico autobús Freire Lugo-Santiago, despois de 75 anos

  • Deu servizo a xeracións de estudantes, funcionarios, peregrinos e vilas do interior
  • Unha UTE de Monbus e Alsa encargarase desta liña desde mañá

Por
Últimas viaxes do histórico autobús Freire Lugo-Santiago

Mañá entra en vigor a segunda fase do plan de transporte de viaxeiros por estrada da Xunta, que trae cambios nas rutas e nas empresas concesionarias. A histórica Freire que une con autobús Lugo e Santiago fai hoxe as súas derradeiras viaxes tras 75 anos de servizo, que comezou en 1945.

"Desta si que se acaba. Levabamos tempo sabendo a noticia, pero non contabamos que desta fora", laméntase Daniel Pombo, condutor de Freire.

Dame algo de nostalxia, porque cando era estudante utilizábao para ir a Santiago. Forma parte da miña historia persoal

"Dame algo de nostalxia, porque xa cando era estudante utilizábao para ir estudar a Santiago. Forma parte da miña historia persoal", lembra unha usuaria.

Monbus e Alsa farán agora a liña Lugo-Santiago

A partir de mañá a unión temporal de empresas formada por dous xigantes do transporte Monbus e Alsa realizará a liña Lugo-Santiago, cunha oferta máis ampla de horarios. "Seguro que o cambio vai ser a mellor", di esperanzado outro usuario.

A frase "coller a freire ou o freire" deixa de ter o sentido que lle deron varias xeracións de estudantes lugueses que o usaron para ir a universidade de Santiago. No camiño quedan milleiros de anécdotas e historias.

"Pese a que levo pouco tempo na empresa doume de conta de que é unha empresa con moitos anos, non sei...A xente sóbeche e di "Vou no Freire". Ten o cariño da xente", sinala o condutor Daniel.

Iso tan difícil de explicar queda no recordo colectivo forxado durante 75 anos. Á empresa Freire só lle queda agora a liña entre Santiago e Sobrado dos Monxes.