Enlaces accesibilidad

Silverio Rivas, o artista que fala a linguaxe dos materiais

  • Trinta obras do escultor forman a exposición Mente/Materia da Casa das Artes de Vigo
  • O proxecto expositivo crea tensións xogando coas escalas, as texturas, a orientación e o cromatismo das pezas

Por
Silverio Rivas. Mente/Materia. Exposición na Casa das Artes de Vigo

Silverio Rivas explica o mundo a través dos materiais, unindo o oficio co dominio da materia que emprega: pedra, mármore, bronce, madeira, poliéster..., e unha enorme curiosidade no proceso artístico que segue mantendo despois de cinco décadas de creación.

Intervir o espazo

Producida polo Concello de Vigo e comisariada por Javier Pérez Buján, Mente/Materia mostra a traxectoria dun dos máis destacados escultores galegos contemporáneos.

Membro do grupo Atlántica, que a principios dos oitenta colocou a arte galega na escena contemporánea, Silverio Rivas atopou un camiño propio. Fuxiu da mímese, da figuración estricta e buscou a lóxica interna dos materiais que o levaron a ser un pioneiro da abstracción, aínda que el non concorda con que a súa obra sexa abstracta.

A forza da montaxe

O proxecto expositivo crea tensións xogando coas escalas, as texturas, a orientación e o cromatismo das pezas. Busca un diálogo entre as obras que interveñen o espazo, sen orde cronolóxico e con tres pezas creadas para exposición.

Artéllase en catro salas presentando obras que van dende os anos setenta ata a creación máis actual, unha intervención no espazo montada con ramallos tintados para simbolizar a unión que mantén o artista coa natureza, o rural no que vive, o seu alimento creativo.

Unha coidada iluminación busca resaltar as sombras que proxectan as pezas sobre o chan, como se fosen as das árbores.

Eloxio do silencio

Obras en granito, bronce, resinas ou madeira, que tenden a flotar no espazo, xunto cun conxunto de pezas de pequeno formato, que nalgúns casos son maquetas que lle serven ao artista para concebir as obras monumentais.

Un percorrido que se estrutura coas relacións entre gravidade/levidade; baleiro/cheo; interior/exterior; xeométrico/orgánico.

Sala central

Tres obras de gran formato. A icónica Fósil (1975), unha peza de cinco metros de longo realizada en resina de poliéster pintada de branco que presentou na primeira exposición de Atlántica (1980) e dúas obras inéditas: Sen Título (1990-2015) un bloque de mármore de Macael e a Barca Solar (2018) realizada para a exposición ensamblando planos de madeira.

Aceiro e resinas vermellas

Neste material comezou a explorar formas orgánicas e relacións xeométricas nos primeiros anos setenta. Estrutura en Expansión (1973)Torques (1984) e Sen Título (1995).

Comparten a sala con tres obras realizadas en poliéster e fibra de vidro en vermello Ferrari. Astas (1977), Arroaz e Escultura en vermello (1975).

Bronce e granitos

Personaxe inclinado (1983), un bronce patinado que recorda a Henry Moore da paso ao corredor dedicado ao granito, material que descobre o artista na súa estadía en Normandía e que traballará no seu regreso a Galicia. Espazo para o Apóstolo (1992)Ondulado en cruz (1992) en granito negro Galicia, e outra máis recente, Triloxía (2016), realizada en granito branco cristal, vermello de Zamora e negro Zimbawe.

Poesía e pequeno formato

Iridiscencias ramosas (2018), unha instalación realizada con ramas policromadas penduradas do teito, é o punto poético que da paso a dúas mesas dispostas con obras de pequeno formato realizadas en madeira, cerámica, bronce e pedra que dan conta do seu exitoso rexistro de esculturas articuladas, que descubriu despois da súa estadía no Laboratorio de Formas de Sargadelos, e que en París levaría ao bronce.

Mente/Materia. A forza creativa de Silverio Rivas

A forza creativa de Silverio Rivas. Fala o escultor:

Eu penso que o escultor debe intervir no espazo aberto. Eso é o fundamental. É onde eu me atopo ben precisamente, é traballar para un gran espazo e a unha gran escala, unha escala de acorde co espazo onde vai ir a escultura.

Respectando a materia

As esculturas deberían estar feitas como algo máxico, que apareceran soas. O proceso mecánico de talleres pode desvirturar o primeiro impulso que é a parte importante dunha escultura. A escultura debera saír ela soa, dar a sensación.

Eu respecto a materia e, cando traballo o granito, por veces, atopo unha forma nun bloque que me sirve para traballar sobre algo que xa ten a pedra. Cando é unha árbore pasa o mesmo. Á arbore ten unha forma e eu moitas veces sigo o que árbore tiña xa, certas formas que me resultan familiares, algo que me pertence.

Quero establecer un diálogo con esa materia. Normalmente chegamos a un acordo. A materia vai dicir: segue ou para, e cando me dí para, eu paro

Sobre iso empezo a traballar. Non quero impoñer unha forma concreta,  determinada ou imposta, non, quero establecer un diálogo con esa materia. Normalmente chegamos a un acordo. A materia vai dicir: segue ou para, e cando me dí para eu paro.

Empezo coas motoserras profundizando as fendas que ten e nese proceso vai aparecendo a obra.

Deixándose sorprender polas formas dos materiais

Como cada material da unha forma, a vantaxe de traballar diferentes materiais é que aparecen diferentes formas. O importante para min cando fago escultura é que eu poda sorprenderme do que está ocurrindo.

Non teño que facer trampas,  teño que deixar sempre a pegada do proceso que seguiu a pedra e en moitos casos a mínima intervención

Respecto a materia, analizo, dialogo con ela..., e aí vai xurdindo, cáseque soa, se podía dicir que cáseque podería aparecer a escultura sen que eu a tocara (entre risas).

Quero que a materia se exprese tal como é. Nos granitos. Non teño que facer trampas,  teño que deixar sempre a pegada do proceso que seguiu a pedra e en moitos casos a mínima intervención.

Porta do Altántico, Vigo. Unha obra que é un camiño

É unha constante na miña obra que todas teñan un espazo por onde pasar a través delas. Agora está pasando na Praza de América (Vigo), que unha vez que se fae a remodelación, a xente pode pasar moi próxima á obra. A obra debe ser un punto de referencia, unha porta, un camiño, o inicio de algo.

A escultura é algo poliédrico e teño que observala por todas as partes para ver como funciona. Hai unha especie de ritmo na escultura que a faría un pouco como algo musical.

Buscando a beleza

Cando se lle pon o cliché a alguén dun artista "abstracto" é moi dificil saír de aí. Sería unha labor titánica explicar que a miña escultura non é abstracta. Non é para nada abstracta porque a escultura ten unha servidume, elementos que se aproximan, que dialogan ou que se articulan.

Ao final son coma personaxes. A min o que me gustaría sería que se entendera a obra por unha tensión que hai dentro dela. Cada elemento, cada volume está dialogando entre si e iso xera unha tensión. Entonces, a xente, supoño que percibirá esa intención miña de mostrar algo que foi feito dunha forma cáseque apaixoada para conseguir unha fermosura. Eu penso que a fermosura na escultura é un asunto importante