Frío e xeadas xeralizadas que van seguir en Galicia ata o domingo
- O que non nos vai alcanzar é borrasca Filomena, que trae alertas por neve no sur e o leste da Península
- Protección Civil bota sal nas estradas, nos accesos a colexios e a supermercados tratando de evitar accidentes
As precaucións para saír da casa ou coller o coche cando hai baixas temperaturas son habituais alí onde as xeadas son frecuentes todos os invernos.
En Galicia é o que sucede nas zonas de montaña do interior, pero dende hai anos estes efectos da invernía viñan sendo cada vez máis livianos e as paisaxes xeadas e os carambelos pendurados nos tellados quedaban no recordo dos máis vellos ou nas fotos das viaxes ás localidades de montaña.
Estes días iso cambiou e a friaxe que chega dende o norte está a baixar as temperaturas por debaixo dos cero graos en case toda a comunidade. Unha situación causada, explica Maria Souto en Meteogalicia, grazas quedarmos nun corredor entre o anticiclón e as borrascas.
O aire frío que trae a xeada aparta a borrasca Filomena
É unha situación que non resulta rara nas nosas latitudes. Pero, explica tamén María Souto, o estraño é que dure tantos días, que as xeadas leven con nós dende o pasado día 3 e que vaian seguir aínda ata o próximo domingo, cando se prevé que empecen a subir as temperaturas.
Despois seguirán, según se prevé, os ceos despexados, pero desaparecerán as xeadas xeralizadas.
Neste caso, ademáis, esa situación de roce entre o anticiclón e a borrasca permitirá que nos libremos das nevaradas que están levando a decretar situación de alerta en varias provincias do sur o o leste de España.
A borrasca que as provoca, a bautizada coma “Filomena”, non vai aparecer por aquí e, xunto co Cantábrico e a Meseta Norte, seremos as únicas zonas a onde non chegarán os seus efectos.
Moito sal e moita precaución para evitar accidentes
Mentres noutras zonas sofren os efectos desas nevaradas, aquí afrontamos os do xeo.
Os equipos de protección civil botan sal nas estradas, nos accesos a colexios e a supermercados e mesmo aos cemiterios, e os de mantemento das estradas fan o propio nas vías principais. Tratan así de evitar os accidentes provocados polo xeo en estradas e beirarrúas.