Enlaces accesibilidad

As inscricións dos ximnasios non repuntan este Aninovo

Por
As inscricións dos ximnasios non repuntan este Aninovo

Co inicio do ano é habitual que os cidadáns reflexionen sobre a súa saúde, e decidan adoptar novos hábitos. Entre eles atópase adoito a decisión de aumentar o exercicio físico, ben sexa pra poñerse en forma ou para loitar contra eses dous ou tres kilos que chegaron cos excesos de Nadal.

Pero este ano, como moitas outras cousas, todo está sendo diferente. Nin sequera os bos propósitos de Aninovo conseguen que medren as inscricións.

Cabidas reducidas e temor ao contaxio

Trala desescalada, os ximnasios traballan con cabidas dun 50%. As clases grupais tiveron que reducir os seus participantes, e os aparatos están máis separados ou quedan inutilizados para garantir a distancia.

A iso súmanse as reticencias dos usuarios, que nalgúns casos non se senten cómodos usando a máscara en todo momento, como é obrigado, e noutros dubidan da hixiene e o risco de contaxios.

A xente ven, pregunta, quere adestrar, pero dinos que quere agardar a que se pase un pouco todo isto

Synergym abriu as súas portas no Matadeiro da Coruña baixo estas condicións, en plena segunda vaga de contaxios, e o seu responsable recoñece que as inscricións están un 40% por baixo das proxeccións realizadas antes da pandemia. “A xente ven, pregunta, quere adestrar, pero dinos que quere agardar a que se pase un pouco todo isto”. O dato coincide co da patronal do sector, que fala dunha caída do 40% na facturación.

Distancia, máscara e moita limpeza

Os que non faltan á súa cita co deporte salientan o elevado grao de cumprimento tanto por parte dos usuarios coma dos centros. As rutinas cambiaron, e os aerosois con desinfectante están en cada esquina. “Medimos moi ben todo o que facemos”, dinos unha parella, “estamos protexidos con máscaras, limpamos antes e despois os aparatos, e so nós xuntamos entre nós”.

O centro conta tamén con sistemas de ventilación con filtros Hepa, para reforzar a seguridade. Hai quen a asegura que se sente máis seguro no ximnasio que en outras actividades: “a única vida social que fago é aquí, de feito”.

A importancia do deporte

Non todos os ausentes renunciaron ao exercicio físico. A Coruña habilitou un carril especial no paseo marítimo para dar espazo ao aumento de corredores. Outros aprenderon durante o confinamento a facer deporte na casa, coa axuda de internet e as redes sociais.

Porque, se algo nos ensinou o encerro é que facer deporte é importante, para a nosa mente e o noso corpo. Así o entendeu a Xunta de Galicia, que dende hai meses inclúe estes centros entre as actividades esenciais. Con estritas medidas de hixiene e distancia que garanten a súa seguridade.