Ourense lidera a campaña de vacinación contra o coronavirus
- A porcentaxe de doses administradas en Galicia é do 81% e no caso da provincia ourensá supera o 90%
- Coronavirus: última hora en directo | Mapa de España | Mapa mundial
- Municipios confinados | Evolución de la curva | Qué se sabe de la vacuna
A residencia xeriátrica de Leiro é o único centro sociosanitario da provincia de Ourense que queda pendente de vacinar contra a covid trala confirmación dun caso positivo. O resto, e son máis de 140, xa están vacinados. Estamos a falar de 9.000 persoas entre usuarios e traballadoras vacinadas en dúas semanas.
A de Ourense é unha das provincias de España coa porcentaxe máis alta de doses inxectadas. Supera o 90 por cento.
Por comunidades autónomas, Galicia, é despois de Melilla a segunda co 81 por cento. Verónica Cibeira, a enfermeira que está a coordinar a campaña de vacinación na provincia de Ourense valora moi positivamente o traballo feito polos once equipos de vacinación. “Están formados por enfermeiras e enfermeiros de atención primaria con moita voluntariedade e motivación”, asegura. "Traballaron sábados e domingos cun obxectivo claro: chegar canto antes á maior poboación posible”.
A experiencia da campaña da gripe
O programa piloto posto en marcha na provincia hai uns meses durante a campaña de vacinación da gripe serviulles de referencia como estratexia.
Norberto Camino é un dos dous enfermeiros que visitaron todas as residencias da provincia para administrar as doses aos usuarios. Agora forma parte dun dos equipos de vacinación contra a covid. Grazas a esa experiencia puideron organizar mellor a campaña e con máis rapidez. “Axudounos a coñecer todas as residencias”, di Norberto, “saber as dependencias que teñen e onde se podería facer mellor a vacinación e xa había un contacto previo coas directoras dos centros”.
“Eles, que o pasaron tan mal pechados, sen poder ver á familia e sen poder saír de alí, teñen moita confianza na vacina“
Verónica e Norberto tamén queren resaltar a ilusión coa que foron recibidos os equipos de vacinación polos residentes dos centros. “Eles que o pasaron tan mal pechados, sen poder ver á familia e sen poder saír de alí”, salienta Verónica, “teñen moita confianza na vacina".
O Colexio de Médicos chama á vacinación
Aínda que a porcentaxe de usuarios e traballadoras que rexeitaron a primeira dose da vacina foi moi baixo, o dato sorprendeu ao Colexio Oficial de Médicos de Ourense.
A xunta directiva, nunha carta aberta dirixida á poboación, fai un chamamento á vacinación sen temor. Asegura que non hai ningunha razón para rexeitala, porque millóns de persoas de todo o mundo xa recibiron as primeiras vacinas sen incidencias salientables e porque a súa seguridade e eficacia están avaladas por axencias reguladoras internacionais.
“O que non se vacina estase poñendo en perigo a sí mesmo e a todos os demais, aos seus familiares en primeiro lugar e despois ao resto de cidadáns“
José Luis Jiménez, o presidente do Colexio de Médicos de Ourense engade que se trata dun tema de saúde colectiva. Advirte que “o que non se vacina estase poñendo en perigo a sí mesmo e a todos os demais, aos seus familiares en primeiro lugar e despois ao resto de cidadáns”. E salienta que a “única maneira de acabar co virus é lograr unha cobertura universal dun oitenta ou dun noventa por cento de cidadáns vacinados”.
O colexio médico remata a súa carta pedíndolle ás autoridades políticas e sanitarias que aceleren o ritmo de vacinación e amosando a súa dispoñibilidade para axudar no que sexa preciso.
Na provincia de Ourense a administración da segunda dose da vacina nas residencias de maiores comezará a vindeira semana. O seguinte colectivo en vacinarse será o do persoal sanitario.