Enlaces accesibilidad

O récord de casos rexistrados de covid dispara a presión hospitalaria en Galicia

  • Varios hospitais reprograman intervencións cirúrxicas non urxentes para evitar quedar sen camas dispoñibles
  • A Coruña duplica os ingresos dende Noiteboa e ten o 75% das camas de críticos ocupadas

Por
Presion hospitalaria en Galicia

O Servizo galego de saúde nunca rexistrara máis de mil casos novos de coronavirus nun día, e esta semana rompeu ese teito por tres veces. A incidencia acumulada a 14 días superou xa o pico da segunda vaga, e chega ata os 358 casos. Un aumento xeneralizado da incidencia en tódalas áreas sanitarias que comeza a reflexarse nos hospitais, con 595 persoas ingresadas.

O dato está lonxe do rexistrado na primavera, cando se superou o milleiro, pero a forte tendencia á alza preocupa ós responsables hospitalarios. Especialmente na área da Coruña que o día de Noiteboa tiña 71 pacientes Covid ingresados, e agora atende a 164.

A Coruña enviará críticos a Lugo e Vigo

"A situación é crítica nas unidades de críticos. O 75% das camas deste servizo están ocupadas por pacientes con esta patoloxía. Cada vez hai máis pacientes máis novos e sen patoloxías de base", a dicir do xefe da UCI do Centro Hospitalario da Coruña (CHUAC).

Cada vez hai máis pacientes máis novos e sen patoloxías de base

Para aliviar a carga deste servizo, o Sergas advirte que podería ser preciso trasladar pacientes aos centros hospitalarios de Lugo e de Vigo, anque polo de agora se descarta abri-lo hospital de campaña preparado en abril en Expocoruña.

O CHUAC ven de activar unha quinta unidade de hospitalización para pacientes Covid, a de traumatoloxía. E para liberar camas, o Sergas está comezando a reprogramar intervencións cirúrxicas neste centro, os de Ferrol e Santiago. Polo de agora a decisión afecta só ás operacións sen risco vital, complexas e que requiren de ingreso, ou incluso do paso polas unidades de críticos no postoperatorio. Isto permitirá ademais dispoñer de máis anestesistas nas UCI.

As urxencias duplican a presión asistencial de marzo

A porta de entrada de moitos destes pacientes é o servizo de urxencias, que ten agora o dobre de presión asistencial que en marzo, cando os pacientes que sufrían síntomas non respiratorios adiaban ou evitaban as visitas a urxencias. No CHUAC reciben cada día 400 pacientes.

Un de cada catro presenta síntomas de carácter respiratorio ou sospeitosos de covid, polo que son atendidos nun circuíto completamente separado. Dende o inicio da semana, estes enfermos incrementáronse un 25%.

A xefa da sección de urxencias do hospital coruñés, María de la Carrera, pide aos cidadáns responsabilidade. Garanten a asistencia a calquera urxencia que se produza, sexa ou non relativa ao coronavirus. Pero é preciso que os cidadáns acudan cando sexa posible aos filtros previos: atención primaria e puntos de atención continuada.

Apuntan ademais que hai familias enteiras infectadas sen sabelo, polo que é imprescindible que os pacientes válidos, independentes, acudan sós ós centros hospitalarios, e só os menores ou dependentes vaian acompañados. Para facilitar a información aos achegados, implantaron un sistema de códigos QR, asignados a cada paciente, para que poidan coñecer en tempo real cal é a situación do enfermo.

Os responsables hospitalarios piden ademáis aos cidadáns que se protexan da elevada circulación do virus, practicando algo semellante a un autoconfinamento e reducir as interaccións de risco ao mínimo posible, para frear esta terceira vaga que está poñendo a proba a un sistema sanitario e uns profesionais esgotados despois de case un ano de pandemia.