Árbores para asentar o oso no Courel
- Plantan 100.000 especies autóctonas para facilitar o seu hábitat
- Desapareceu desas montañas a finais do século dezanove, pero agora hai catro exemplares
O oso pardo desapareceu das montañas do Courel a finais do século dezanove, pero pouco a pouco está volvendo a esta serra de Lugo na que os muros das vellas alvarizas, ou cortiñas, que protexían as colmeas do plantígrado, dan conta do pasado desta especie na zona.
Se a súa presenza en Galicia estaba limitada á veciña serra dos Ancares agora tamén é habitual no Courel. Tras os primeiros avistamentos esporádicos hai máis de dez anos, a Fundación Oso Pardo ten detectado tres ou catro exemplares de machos novos con presenza constante.
Para contribuír ao asentamento da especie esta fundación desenvolve o proxecto Life Oso Courel, que entre outras múltiples accións, inclúe a plantación de árbores autóctonas en cen hectáreas de territorio dos concellos de Folgoso, Quiroga, Samos, Triacastela, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
“Platamos pequenos bosquiños de especies autóctonas produtoras de froitos“
“Trátase de plantar pequenos bosquiños de especies autóctonas productoras de froitos”, sinala Fernando Ballesteros, coordinador do proyecto, porque son “un recurso moi importante para o oso e para moitos outros elementos da biodiversidade”
Crear emprego nesa montaña con pouca poboación
A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Custodia do Territorio son socios deste proxecto que conta tamén coa colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Fundación Biodiversidade e Naturgy e permite a contratación de dez desempregados veciños da serra do Courel. Javier Merelas, que veu ao Courel desde a Galicia atlántica, é un deles. Valora unha iniciativa que lle permite traballar nun lugar do que quedou namorado desde pequeno .
“ Eu tampouco podería explicalo dun modo racional”, di Javier sobre o seu cambio de vida, “é máis ben como cando te enamoras dunha persoa, que tampouco podes explicar moi ben por que”.
Javier e os seus compañeiros están plantando especies coma o bidueiro, o sanguiño ou a cerdeira e fano, sobre todo en monte comunal en abandono.
As plantacións fanse co acordo cos propietarios de monte veciñal ou de particulares, mesmo hai “unha pequena acción de compra de terras”, segundo suliña Óscar Rivas, portavoz da Asociación Galega de Custodia do Territorio, que vela pola protección medioambiental e paisaxística dun territorio con tanta riqueza natural como O Courel.
Darlle uso ao monte e previr os lumes
A maioría dos veciños ve con bos ollos un proxecto financiado pola Unión Europea con máis dun millón de euros, que mestura a conservación do oso, o coidado da paisaxe e o desenvolvemento turístico.
“É un exemplo de como a conservación dunha especie pode contribuir ao desenvolvemento rural “
“Estamos intentando facer un exemplo real de como a conservación dunha especie, da natureza en xeral pode contribuir ao desenvolvemento rural dos territorios” destaca o coordinador do Life Oso Courel, Fernando Ballesteros.
Aínda que pode haber algún rexeitamento, non é o caso de Antonio Xurxo Campo, veciño de Bustofrío, no concello de Samos e moi preto de Pedrafita do Courel. Este profesor de matemáticas en Cataluña volveu a súa aldea unha vez xubilado. Considera o proxecto “perfecto, con tal de que non poñan especies invasoras. Todo o que sexa plantar árbores autóctonas” nos seus montes parécelle “fantástico” e sostén que é unha boa maneira de previr incendios, nunha zona que nos últimos anos rexistrou varios lumes forestais.