Galicia terá tres semanas de restricións extremas
- Ata despois do Entroido, mobilidade limitada aos propios concellos, reunións só con conviventes e peche da hostalaría
- Coronavirus: última hora en directo | Mapa de España | Evolución de la curva | Hospitales y UCI
- Vacunas en España | Guía de restricciones | Mapa mundial
Os bares e restaurantes apuran as últimas horas antes da entrada en vigor, esta medianoite, das novas restricións. Pecha toda a hostalaría. Só poderán servir a domicilio ou para levar.
“Estamos resignados, sabendo que quen as paga sempre é a hostalaría”, asegura Javier Calo, tras o mostrador dunha cafetería na Porta Faxeira, unha das principais zonas de terrazas de Santiago.
“Péchannos a nós e as reunións que deixan de ter aquí no bar, teranas na casa“
Desde outro local próximo, Raquel Álvarez laméntase “porque agora péchannos a nós e as reunións que deixan de ter aquí no bar, teranas na casa”. E engade que non poden seguir así, “dous meses abertos e tres pechados. E a ver que pasa na Semana Santa, se non repetimos o mesmo erro”.
Os centros comerciais non poderán abrir a fin de semana. Comercios esenciais, coma supermercados, farmacias ou talleres mecánicos, poderán facelo ata as nove e media, pero os non esenciais deberán baixar a reixa ás seis da tarde.
Incerteza en algúns negocios
Nos salóns de peitado esta mañá aínda non sabían que horario van ter. “Estamos agardando a que publiquen a orde no Diario Oficial de Galicia. Se non somos esenciais terán que poñelo e teremos que pechar antes coma o resto de comercio. Sempre estamos aí sen saber se somos ou non esenciais“, sostén a peiteadora Begoña Guzmán, que admite que “estamos disgustados, pero tamén resignados porque sabemos que algo hai que facer”.
Colexio presencial, universidade telemática
Escolas infantís, colexios e institutos seguirán funcionando. Pero na universidade non haberá clases presenciais polo menos ata o 17 de febreiro. Pechan bibliotecas, museos e espectáculos, os clubes sociais e os centros de xubilados. Tamén os ximnasios e a práctica deportiva deberá ser individual, ao aire libre e sempre con máscara.
“Son medidas necesarias. Estamos pagando os excesos do Nadal“
“Agora que non hai deporte federado e que só podemos saír correr, ter que facelo con máscara creo que vai ser o que peor vou levar”, afirma un mozo deportista. Pero na rúa a opinión que máis escoitamos é que “son medidas necesarias” e tamén hai quen sostén que chegan tarde: “estamos pagando os excesos do Nadal”.
Prohíbense as reunións con persoas non conviventes e os desprazamentos entre concellos.
So se poderá saír do municipio de residencia por cuestións laborais, educativas ou sanitarias. Ademáis, a Xunta fai un chamamento a que os galegos nos autoconfinemos para reducir a interacción social e a mobilidade. Estas restricións manteranse, polo menos, tres semanas, ata despois do Entroido.