Enlaces accesibilidad

Hostaleiros de Pontevedra inician unha marcha a pé a Santiago

  • Reclaman indemnizacións polas perdas de dez meses de peche dos negocios
  • Calculan que entre o 50 e o 75 por centro só poderá aguantar ata o verán.

Por
Os hostaleiros volven á estrada

Os dez meses de pandemia pesan cada vez máis sobre a economía das familias que viven da hostalaría. Moitos negocios pecharon a reixa definitivamente. O sector calcula que máis do 50 por cento da hostalaría diúrna e o 75 por cento da nocturna non poderá aguantar ata o verán.

Non temos noticias de ningún dos partidos políticos que moi amablemente nos recibiron en Madrid

Pero non se renden. Daniel Lorenzo e Antonio Fernández, donos de pubs na zona vella de Pontevedra, son dous dos once hostaleiros que en decembro camiñaron ata Madrid para esixir un plan de rescate. “A experiencia pagou a pena”, explica Daniel, “pero non temos noticias de ningún dos partidos políticos que moi amablemente nos recibiron en Madrid. É moi curioso, alí todo eran palabras bonitas pero agora non queren falar con nós”.

Por iso preparan de novo as botas e a mochila. Este xoves inician en Pontevedra unha marcha a pé que rematará o venres ante a sede da Xunta en San Caetano, en Santiago, onde se van concentrar hostaleiros de todas as cidades galegas.

A letra pequena, o principal atranco

“Seguimos pedindo a todas as administracións un plan de rescate. Hai que admitir que temos recibido axudas, pero son pequenos parches e veñen cunha letra pequena que as fai inasumibles para moitos de nós”, explica Antonio. “Necesitamos liquidez. En nove meses que levamos pechados tivemos que asumir o cen por cen dos gastos fixos, mentres os ingresos foron cero en moitos casos”.

Na mesma liña se expresa Daniel. “As axudas non están chegando a todos. O 90 por cento dos empresarios de ocio nocturno nin sequera as pediron, non a pediron porque os requisitos son inasumibles. Esixen, por exemplo, que esteamos un ano abertos, sen saber como e cando imos poder abrir. Quen nos vai pagar as facturas?, pregunta.

Nova reunión coas administracións

Mentres preparan esta nova mobilización, as conversas entre as administración e o sector continúan. O Clúster do Turismo de Galicia volve reunirse este mércores con representantes da Xunta, as deputacións e federación galega de municipios para tentar perfilar o plan de axudas ao sector. Un plan que roldará os 140 millóns de euros e que será clave para tentar salvar centos de negocios e milleiros de postos de traballo.