Unha empresa de Lugo produce cen mil máscaras ao día e vai aumentar o cadro de persoal pola elevada demanda
- Notan un incremento de vendas das FFP2 polo debate sobre se deberían ser obrigatorias
- Mapa de España | Evolución de la curva | Hospitales y UCI
- Vacunas en España | Guía de restricciones | Mapa mundial
Só dúas empresas fabrican en Galicia un produto que a consecuencia da pandemia é xa habitual nas nosas vidas. Vrio Pack, en Lugo, é unha das compañías que produce ese complemento diario que nos protexe contra o virus. 100.000 máscaras cirúrxicas e FFP2 saen cada día da súa nova planta no polígono do Ceao.
A historia desta compañía lucense comeza hai case trinta anos no mundo da embalaxe. Nas últimas décadas converteuse nun referente na fabricación de bolsas de papel e agora a pandemia impulsounos a explorar esta oportunidade de negocio, que, pensan, veu para quedar.
“O produto que viña non reunía as condicións óptimas como un produto nacional, con esixencias superiores e moi controladas“
Con máis de cen traballadores durante os primeiros meses da pandemia experimentaron a “carencia que había deste produto ou que mesmo o produto que viña non reunía as condicións óptimas como un produto nacional, con esixencias superiores e moi controladas”, relata a directiva de Vrio Pack Gisela Núñez.
O pasado marzo comezaron a idear a súa nova actividade e en outubro xa estaban vendendo a clientes de grandes contas.
Desde o 18 de xaneiro, os pequenos consumidores tamén poden adquirir as súas máscaras na tenda de venda directa ao público aberta na fábrica.
“É un produto necesario e xa que hai unha empresa local, aquí de Lugo, pois que mellor que deixar os cartos aquí, sen darllos a outra xente de fóra”, comenta unha das clientas nun establecemento no que non faltan os letreiros “Made in Galicia” ou “Fabricadas aquí”.
Unha quenda nocturna para aumentar a produción
A sección das máscaras de Vrio Pack conta con 20 empregados na cadea de produción, pero serán máis en breve, porque teñen previsto incorporar unha quenda máis para producir mañá, tarde e noite ante o aumento continuado da demanda.
A máquina das FFP2 elabora 25 máscaras por minuto. O proceso comeza nas bobinas dos tecidos e continúa, segundo explica un dos operarios, Iván Pérez, “cun ultrasón que as solda, a continuación a impresión, despois as gomas e por último o corte da máscara”, antes do envasado no plástico.
A planta habilitada nunha nave usada do Ceao tivo un investimento duns tres millóns de euros e o apoio con subvencións públicas do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
O cinco por cento da súa produción vai destinado á exportación a Europa e o resto ao mercado nacional, cun importante peso de clientes galegos.
O debate sobe as vendas do modelo FFP2
O debate público xerado sobre o uso das FFP2, con propostas como a do presidente da Xunta, partidario de facer obrigatorio este tipo de máscara en determinados lugares, está xa afectando á produción de Vrio Pack.
“A xente está tomando xa esa recomendación e o incremento de vendas dese tipo de máscaras é substancialmente superior ao das máscaras cirúrxicas”, asegura a directiva de Vrio Pack, Gisela Núñez.