As aguas residuais predín a evolución do coronavirus na área metropolitana da Coruña
- O estudo da depuradora prevé un descenso dos contaxios, pero a presión hospitalaria continuará
- Coronavirus: última hora en directo | Mapa de España | Evolución de la curva | Hospitales y UCI
- Vacunas en España | Guía de restricciones | Mapa mundial
Os científicos cren que na área metropolitana da Coruña hai uns 7.400 contaxiados de covid e que había 7.600 estes días de atrás. Así o di o último informe que elabora o equipo multidisciplinar que desenvolve o proxecto CovidBens.
Os investigadores analizan as augas residuais que chegan á depuradora de Bens, na Coruña, procedente da cidade e dos concellos da área metropolitana: Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. En total, 400.000 habitantes.
No laboratorio recollen, cada cuarto de hora e dende o mes de abril, mostras de auga que someten a estudo. Trátase de examinar a concentración de sars-cov-2 e de facer gráficos para observar a evolución.
“Nas augas que chegan a Bens contabilizamos canto virus hai por litro e a continuación o número de persoas contaxiadas“
A través dun modelo matemático poden calcular cantos habitantes están contaxiados en cada momento e en que zona viven. "As persoas infectadas excretan virus polas feces, así que nas augas que chegan a Bens contabilizamos canto virus hai por litro e a continuación o número de persoas contaxiadas", indica Margarita Poza, a coordinadora do proxecto.
Alerta con quince días de antelación
Os datos que se extraen dos estudos permiten detectar gromos e andazos e a alerta aquí xorde quince días antes de que a situación chegue aos hospitais, polo que estes científicos (microbiólogos, matemáticos, enxeñeiros e informáticos) desempeñan unha función de alerta temperá.
“Cando a nosa curva empeza descender, aínda quedan, polo menos, dúas semanas de presión hospitalaria“
Dende que comezou a pandemia advertiron dos tres andazos que levamos. Neste momento predín que as cifras de contaxios comezan a atenuarse, pero a presión hospitalaria aínda vai continuar.
"Cando a nosa curva empeza descender, aínda quedan polo menos dúas semanas de presión hospitalaria, porque as curvas van sucedéndose: a de contaxiados, hospitalizacións, ingresos en UCI e falecementos", explica o director de Edar Bens, Carlos Lamora.
Xa alertaron de que as cousas ían mal dende mediados de decembro.