Enlaces accesibilidad

O Non Entroido de Xinzo de Limia

Por
Sen Entroido en Xinzo, tras pasar todo o ano pensando nel

Dende o pasado venres, un meco colga pendurado dun mastro no medio da Praza Maior de Xinzo de Limia, en Ourense.

Está vestido cun mono de protección contra a Covid 19 e cunha máscara. É o símbolo de que este ano non se pode celebrar o Entroido por mor da pandemia.

Nun balcón, tres carteis coa figura da Pantalla, a máscara tradicional do entroido limiao, lembran os principios que rexen a festa: tradición, respecto e sentimento. Desta volta é de tristura polo impacto social que está a ter no territorio a expansión da enfermidade.

En Xinzo botamos todo o ano pensando no Entroido

Suso Fariñas, un dos fundadores da Asociación Cultural A Pantalla, recoñece o desánimo da veciñanza: “A xente non sabe por onde anda, métese na casa e non para, saen a pasear para aliviarse da preocupación que senten pola gravidade da situación. Hai que ter en conta que en Xinzo botamos todo o ano pensando no Entroido”.

Sen Domingo Oleiro

Esta localidade de menos de 10.000 habitantes presume de ter o ciclo entroideiro máis longo de Europa porque ofrece cinco domingos seguidos de festexos.

Xa non se celebrou o Domingo Fareleiro e o pasado 31 de xaneiro tampouco se puido celebrar o Domingo Oleiro. Aínda así, houbo quen se animou a disfrazarse nas súas casas para recrear o xogo das olas e despois colgar as imaxes no perfil de Facebook da Asociación A Pantalla.

A presenza nas redes sociais é a alternativa que lle queda á veciñanza para manter vivo o espírito entroideiro.

A hostalería e a confección, os sectores máis afectados

Dende 2019, o Entroido de Xinzo de Limia é o único de Galicia e o terceiro de España que ten a categoría de Festa de Interese Turístico Internacional. Ata este ano, nunca deixara de celebrarse. Nin a guerra civil nin a ditadura impedírano malia estar prohibido.

A suspensión dos festexos está a ter un gran impacto negativo na economía local. Segundo a alcaldesa, Elvira Lama, “co que facturan os hostaleiros durante o entroido cobren o 75 % dos gastos do resto do ano”.

O ano pasado, os ingresos que tiven servíronme de colchón para compensar os tres meses seguintes de confinamento total

Alberto Rúa é o dono do café Espolón e dende hai uns meses o presidente da Asociación de Hostaleiros de Xinzo de Limia. Asegura que "o ano pasado, os ingresos que tiven servíronme de colchón para compensar os tres meses seguintes de confinamento total”.

Outros sectores que están a sufrir as consecuencias de non poder celebrar o Entroido son o da alimentación, o dos salóns de peiteado e o da confección.  

Rosi Fernández leva 36 anos confeccionando disfraces no seu taller de costura. Nun ano normal traballa dezanove horas diarias durante dous meses para telos a punto. Este ano sóbralle o tempo pola falta de pedidos: “Normalmente soemos facer unha media de cincocentos disfraces e este ano faremos uns quince o vinte para algunha gardería e algún colexio”.

Domingo Corredoiro alternativo

O 7 de febreiro debería celebrarse o Domingo Corredoiro, a data na que a xente comeza a disfrazarse e na que as Pantallas déixanse ver por primeira vez polas rúas danzando e facendo soar as vexigas.

Como alternativa, os organizadores da festa fan un chamamento á participación nas casas. A idea é que ás 12 do mediodía as Pantallas saian aos balcóns para demostrarlle ao mundo que o espírito entroideiro de Xinzo está moi vivo.

A boa noticia para a veciñanza é que dende o pasado 24 de xaneiro, data na que chegaban ó pico de contaxios, a vila pasou de ter 247 casos activos a ter oito días despois 170.