Descende lixeiramente o nDescende lixeiramente o número de contaxios en Galicia
- As farmacias de Pontevedra recollerán mostras para realizar probas PCR
- Coronavirus: última hora en directo | Mapa de España | Hospitales y UCI
- Vacunas en España | Guía de restricciones | Mapa mundial
O número de contaxiados por coronavirus activos en Galicia é de 22.440 persoas, 82 menos que na xornada anterior.
Baixan os pacientes ingresados nas Unidades de Coidados Intensivos, 247, seis menos ca onte e descende tamén a cifra de hospitalizados en 67 persoas para situarse nos 1.372, segundo os datos da Consellería de Sanidade.
O titular deste departamento da Xunta, Julio García Comesaña, sinalou este mediodía trala xuntanza do último comité clínico esta “tendencia descendente, pero —dixo— queda moito camiño por percorrer”.
“Hai motivos hoxe para ser lixeiramente optimistas, pero non podemos ser triunfalistas de momento“
O conselleiro de Sanidade indicou que hai ”motivos hoxe para ser lixeiramente optimistas, pero non podemos ser triunfalistas de momento”, porque hai que lamentar “moitos falecementos nos últimos días”. En concreto, 28 nas últimas horas que sitúan o número total de vítimas mortais en 1.843. Ademais, no último reconto, o Sergas contabilizou 1.140 novos contaxios.
É a primeira vez que baixa a incidencia acumulada no último mes. Tendo en conta a dos últimos sete días, pasou de 389 casos por cada 100.000 habitantes hai unha semana a 323 casos hoxe.
“Se nas últimas semanas falabamos dunha tendencia ascendente en Galicia, agora poderíamos falar dunha fase de meseta con tendencia descendente“
“Hai un cambio de tendencia. Se nas últimas semanas falabamos dunha tendencia ascendente en Galicia, agora poderíamos falar dunha fase de meseta con tendencia descendente”, explicou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Todo isto hai que tomalo “coa cautela debida”.
Se nada cambia a tendencia sería descendente, pero pode “haber calquera outro factor que modifique esta tendencia”, engade Carmen Durán, para indicar tamén que a vista dos modelos preditivos, teríase chegado xa ao “máximo dos casos” o pasado 22 de xaneiro e nos próximos sete días deberíase ver unha diminución.
Por grandes cidades, A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Ourense descenderon a súa incidencia acumulada. Pola contra, “Lugo e Pontevedra teñen un lixeiro empeoramento dos datos”, segundo a directora xeral de Saúde Pública.
Cepas británica e surafricana
O Sergas ten detectado en Galicia 14 casos da variante británica do coronavirus e un caso da variante surafricana.
Segundo explicaron os responsables sanitarios, agora mesmo están en estudo uns 200 pacientes en relación a estas variantes.
UCIS ocupadas ao 42 por cento
O comité clínico non supuxo ningún cambio no mapa das restricións. Unhas medidas que, seguen insistindo as autoridades, son fundamentais para evitar o aumento da presión hospitalaria, segundo lembraba o doutor Pedro Rascado da UCI do Complexo Hospitalario de Santiago.
Pedro Rascado agradecía o traballo dos sanitarios e tamén daba as grazas aos “galegos que cumpren coas medidas, que están contribuíndo a que se reduzan os casos, os ingresos e o número de falecidos”.
As Unidades de Coidados Intensivos dos hospitais galegos están ocupadas ao 42 por cento por pacientes de COVID, segundo precisou o xerente do Sergas, José Flores.
Algúns hospitais como os da Coruña, Santiago, ou Vigo están a utilizar outras unidades como UCI, que en “condicións normais” non son tal, por iso a porcentaxe baixa ata o 32 por cento.
Probas en farmacias de Pontevedra
Sanidade tamén anunciou que en colaboración co Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra a partir de mañá as farmacias desta provincia comezarán a recoller mostras de saliva que despois serán analizadas mediante PCR.
O cribado vai dirixido a persoas asintomáticas entre 40 e 64 anos.
Seis farmacias comezarán cunha proba piloto para despois estenderse a toda a provincia pontevedresa e posteriormente a toda a comunidade, con acordos similares cos outros colexios de farmacéuticos. As farmacias de Ourense xa colaboraran en outubro na realización de probas de antíxenos.
28.000 vacinas completadas
A Consellería de Sanidade tamén informou de que 28.000 persoas completaron xa o proceso de vacinación coa segunda dose, sobre todo persoal sanitario e das residencias de maiores.
Ademais, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que a partir deste xoves os servizos de urxencias dos hospitais galegos e tamén algún dos PAC contarán con maquinaria de procesado automático dos tests de antíxenos, que permitirá coñecer de forma máis fiable e rápida o seu resultado.