Centos de galegos cun cancro sen diagnosticar pola presión sanitaria
- No ano 2020 os diagnósticos de cancro caeron un 21 por cento
As dificultades de acceso á atención primaria e a eliminación dos cribados provocan un atraso nas deteccións
As persoas que sofren un cancro non están vivindo unha pandemia, senón varias.
A máis notable, segundo un informe da Asociación Española contra o Cancro, é a do silencio e a desatención sanitaria.
No 2020 fixéronse un 30 por cento menos de citoloxías, un 23,5 por cento menos de biopsias, e anuláronse os cribados de cancro de mama ou de colon.
A implantación xeralizada das citas de atención telefónica na atención primaria, segundo a Asociación Contra o Cancro, ralentiza a diagnose.
Ver e tocar o paciente é clave pra descubrir as afeccións que non dan a cara con síntomas evidentes. Entre nós camiñan uns tres mil galegos que non saben que teñen un cancro, e que están a ver agravada en silencio a súa condición.
Paz Maceira ingresou o 17 de marzo por un ataque epiléptico. Cre que “naquel momento estaban tan concienciados coa Covid que non prestaban toda a atención a outras cousas”. Mandárona para casa, ata que en maio se repetiu o suceso. E aí si, chegou a mala nova: tiña un tumor cerebral.
A presión hospitalaria fixo que a quimioterapia tardara varias semanas en iniciarse. A rehabilitación pautada en xullo non comezou ata decembro.
Outros pacientes viron como se paralizaban os ensaios clínicos nos que tiñan depositada a esperanza dunha remisión.
Ansiedade e depresión por medo ao contaxio
Paz está a pasar por este proceso case sen ver á súa familia, por medo a contaxiar ou ser contaxiada.
Durante o ano 2020 as peticións de apoio psicolóxico disparáronse na Asociación Contra o Cancro: o 40 por cento sufriron episodios de ansiedade ou depresión.
“Medo non, porque o medo nos paraliza. Respecto, tomar todas as medidas de precaución, pero os hospitais son seguros“
O medo afecta ás diagnoses e ós tratamentos, porque os cidadáns evitan acudir ás consultas. “Medo non, porque o medo nos paraliza. Respecto, tomar todas as medidas de precaución, pero os hospitais son seguros”, reiteran dende a Asociación Contra o Cancro.
A crise económica tamén impacta nos pacientes
A outra pandemia que vivimos é económica, e tamén afecta aos enfermos de cancro.
Dous de cada dez sufriron as consecuencias, e a AECC tivo que aumentar as partidas, e alongar os períodos de axuda económica, que agora son “para temas vitais e primordiais, coma a alimentación ou os medicamentos básicos”.
Por iso a Asociación Contra o Cancro dedica este día Mundial a pedir un grande acordo nacional, que acabe coa desigualdade económica, social e de atención sanitaria entre os pacientes de cancro.