Enlaces accesibilidad

Os alumnos das universidades galegas terán clases exclusivamente telemáticas ata despois do Entroido

Por
As universidades galegas adáptanse á pandemia

A actividade retomouse nos campus das tres universidades galegas, logo do parón e duns exames nos que non faltou a polémica por se debían ou non ser presenciais, neste contexto da pandemia.

A covid-19 e as medidas restritivas impostas a toda a sociedade para facerlle fronte obrigaron tamén a retrasar o inicio das clases neste cuadrimestre ata esta segunda semana de febreiro. Foi unha das restricións anunciadas no seu día pola Xunta, para tratar de atallar os efectos desta terceira vaga da pandemia.

Esta volta ás clases debería ser un día de moito rebumbio nos campus, nas entradas das facultades e nas bibliotecas, pero non é así.

Aulas e corredores das facultades están desertos

Nas bibliotecas non hai unha alma e só a figura dalgún conserxe da fe de que o curso está en marcha, de que non estamos nas vacacións de verán ou Nadal.

Nos corredores non se ve a ninguén e a maioría das aulas están baleiras. Só nalgunha se ve un profesor falando, explicando, mesmo escribindo fórmulas nun encerado cara a ringleiras de pupitres deshabitados.

Polo medio hai unha cámara e unha pantalla de ordenador que fai que as súas explicacións sexan seguidas polos alumnos.

Clases virtuais na aula para motivar mellor aos alumnos

Non son a maioría. Moitos docentes ofrecen as súas clases dende os despachos da facultade ou mesmo dende os propios domicilios, pero hainos que prefiren seguir mantendo o cerimonial da aula. Din que así motivan mellor aos alumnos.

Non hai que madrugar, pero resulta máis difícil aclarar dúbidas

Entre os alumnos tamén os hai que fan da necesidade virtude e din que, con este sistema lles resulta máis doado asistir á clase; non teñen que madrugar. A cambio, téñeno máis difícil á hora de consultar as súas dúbidas co profesor.

As clases prácticas tamén resultan máis complicadas. Os profesores quéixanse de que consumen moito máis tempo e as facultades mesmo tiveron que habilitar demostracións en vídeo para tratar de que os alumnos comprendan procesos difíciles de traducir en palabras.