Enlaces accesibilidad

Quirófanos habilitados como UCI

Por

Os datos de hoxe confirman a tendencia á baixa da pandemia en Galicia: malia rexistrarse 582 novos contaxios, os casos activos descenden por sétimo día consecutivo e caen ata os 18.452, case 800 menos ca onte; a taxa de positividade mantense por debaixo do 5 % en todas as áreas sanitarias e o número de hospitalizados tamén diminúe.

Hai 39 menos en planta e dos 1.278 ingresados, 248 están na unidade de críticos. Onte había seis máis.

Saturación na UCI de Ourense

Aínda que os principais indicadores da evolución da pandemia melloran, a presión hospitalaria segue a ser moi elevada.

A situación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) pode servir como exemplo. Das 42 persoas que están ingresadas na UCI, 20 son enfermos de covid. Só son tres menos que cando acadou o pico máximo de camas ocupadas durante a primeira onda da pandemia.

Agora temos máis de 150 pacientes en hospitalización convencional que, se moitos deles non melloran, poden ser candidatos a ingresar na UCI

O respiro nas unidades de críticos tardará en notarse entre dez e quince días. A directora de procesos asistenciais do CHUO, Mar Vázquez explica que “dende que un paciente positiviza e é diagnosticado ata que empeora e require hospitalización pasan entre sete e dez días. Superado ese tempo,  se non se recuperan seguramente precisarán coidados críticos. Agora temos máis de 150 pacientes en hospitalización convencional que se moitos deles non melloran poden ser candidatos a ingresar na UCI”.

Camas de UCI nos quirófanos

Esa presión hospitalaria obrigou á xerencia da área sanitaria a activar a fase tres do plan de continxencia que contempla a ocupación dun dos dous quirófanos habilitados para evitar o colapso da UCI.

Cada un conta con tres camas, están equipados cos mesmos medios que a unidade de reanimación e están atendidos polo persoal de medicina intensiva, anestesia e reanimación.

Teñen espazo para acoller 12 camas, pero na actualidade só están ocupadas dúas. Se fora necesario utilizalas todas, segundo Mar Vázquez “pasaríase a outra fase na que habería que acondicionar outros quirófanos, o cal suporía diminuír a programación cirúrxica ou ben contemplar o traslado destes pacientes a outras áreas sanitarias de Galicia”.

Sentidiño durante o Entroido

Ao persoal sanitario que traballa para salvar as vidas dos enfermos de covid preocúpalle o que poida pasar durante os días grandes do Entroido, unha festa con moito arraigo na provincia de Ourense.

Por iso, lanzan un chamamento á responsabilidade e á prudencia para que se respecten as restricións e as celebracións se fagan nas casas só entre conviventes.