Enlaces accesibilidad

Compañías de teatro e actores piden axudas para manter un sector en crise polas restricións da pandemia

Por
Compañías e actores aproveitaron o parón para crear novos espectáculos

As 42 compañías de teatro integradas na Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas ultiman estes días un informe cos seus resultados económicos do ano 20 e a comparanza cos que tiveran no 19. É un dos pasos que acordaron coa Xunta para avaliar os efectos da crise ocasionada pola Covid-19.

As cancelacións e o adiamento de espectáculos é unha constante dende que comezaron os efectos da pandemia pero nesta terceira vaga estanse a ver agravados ao quedaran totalmente pechados os espectáculos públicos ata polo menos o 17 deste mes de febreiro.

Contabilizan en case 200 as cancelacións

Xa nas semanas previas ao endurecemento das medidas as suspensións e cancelacións viñeran aumentando e a asociación sectorial calcula que se achegan ás 200.

Por iso lle pide á administración medidas a curto e a medio prazo que posibiliten o desenvolvemento da actividade das compañías e dos profesionais, tanto dos actores, coma dos creadores.

A Consellería de Educación e Cultura é a principal destinataria destas peticións que tamén lle foron propostas á Deputación da Coruña e ao Ministerio de Facenda, ao que lle demandan a baixada do IVE das entradas ás funcións.

Os actores piden un plan específico como en Cataluña

Asociación de Actores e Actrices de Galicia está a negociar de xeito paralelo coa Xunta á que lle piden un plan específico para estes profesionais seguindo o modelo que xa se adoptou en Cataluña e que recolle prestacións directas, seguros de suspensión de funcións e partidas destinadas ao mantemento de estruturas empresariais.