Comeza a vacinación fronte á Covid-19 dos maiores de oitenta anos que non viven en residencias
- Oito centros de saúde da área sanitaria de Santiago proban o sistema que se estende o luns ao resto de Galicia
- O Sergas prevé inmunizar en maio a 224.000 persoas desas idades
Leopoldo e Braulia Hernández abrázanse tras converterse nos primeiros octoxenarios que, sen vivir nunha residencia, se vacinan fronte á Covid-19 en Galicia. Esta parella de irmáns recibía esta mañá a primeira dose da vacina de Pfizer no centro de saúde do Milladoiro, en Ames.
“É unha inxección normal. Non sei agora a reacción que fará, porque me dixeron que podía doerme a cabeza uns días“
“É unha inxección normal. Non sei agora a reacción que fará, porque me dixeron que podía doerme a cabeza uns días”, conta Leopoldo nada máis poñela. Súa irmá Braulia non oculta a súa ledicia e pregunta se, cando reciba a segunda dose o 12 de marzo, xa poderá reunirse con normalidade con Leopoldo. “Chamáronme e veño correndo. Así protéxome do virus”, sostén.
Proba piloto
Hoxe, dentro desta proba piloto, están citados 569 maiores de oitenta anos en oito centros de saúde da área sanitaria de Santiago. Ningún dos que chamaron se negou.
“Tiñamos moi presente que estaban ansiosos e que ían vir incluso antes da hora á que os citamos“
“Xa tíñamos moi presente que estaban ansiosos e que ían vir incluso antes da hora á que os citamos”, di de broma Magdalena Seco, a xefa do servizo de atención primaria do Milladoiro. “É unha anécdota, pero significa moito para nós, porque para eles esta vacina é unha necesidade. Foi un colectivo que sufriu moito co confinamento, que lles está costando moito toda esta situación, e é moi rechamante a ansia que teñen por poñer a vacina. Xa nos están chamando os de setenta a ver cando lles toca a eles”.
“Canto máis pronto mellor. E animo a todos os que poidan a que veñan, que non se arrepintan de non vir”, subliña Dolores, que se confesa máis “tranquila” despois de inmunizarse e agarda volver xuntarse coa familia.
O luns, en toda Galicia
A partir do luns esténdese a toda Galicia, cuns 400 puntos de vacinación nos centros de saúde cabeceira de comarca.
“Se non poden desprazarse iránllela poñer ao centro médico máis próximo ou mesmo ao seu domicilio“
“Se non poden desprazarse iránllela poñer ao centro médico máis próximo ou mesmo ao seu domicilio”, asegura Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago. “Nos centros de saúde xa coñecen a esas persoas, faremos unha listaxe e, nunha segunda fase, cando rematemos coa vacinación dos maiores de 80 anos, iremos aos domicilios a vacinalos”.
O Sergas estima que a poboación diana de maiores de 80 anos é de 224.000, que estarán inmunizados a primeira semana de maio.