Produtos galegos tradicionais contra o novo etiquetado da UE
- Consideran que non reflicte correctamente a súa calidade e que os prexudica fronte a alimentos industriais ultraprocesados.
- As cores e letras indicarán o contido do produto en graxa, azucres, sal e proteínas.
Van aló máis de dous anos dende que a daquela ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo anunciara a intención do seu departamento de empezar a aplicar en España o sistema de etiquetado frontal dos alimentos coñecido coma Nutri-Score.
Un sistema que, como explicara nun acto oficial no Ministerio, ía supor que cada produto amose, na parte frontal do seu envase, a cor que lle corresponde en base ao seu contido en azucres, graxas saturadas, sal, calorías, febra e proteínas.
O sistema, ideado en Francia para mellor informar ao consumidor do que merca, baséase nun algoritmo que calcula a presenza deses ingredientes e establece a cor e a letra que poderá locir o produto no lineal do supermercado, dende o A verde escuro, dos que teñan as mellores características, ata o E vermello, dos considerados menos recomendables.
A posta en marcha deste sistema de etiquetado foi un dos proxectos abrazados polo ministro de Comercio, Alberto Garzón, unha vez formado o Goberno de Coalición entre PSOE e Unidas Podemos e o propio Garzón expresou na Comisión correspondente do Congreso dos Deputados, a súa intención de poñelo en marcha no primeiro cuatrimestre deste ano. O proxecto de decreto está xa moi avanzado e á espera dos últimos retoques para poder pasar pola mesa do Consello de Ministros.
As denominacións de orixe piden ser unha excepción
Uns retoques que industrias tradicionais coma a conserveira consideran imprescindibles para evitar o perigo de que alimentos ultraprocesados logren adaptar as súas fórmulas para locir cores atractivas mentres outros, con ingredientes de gran valor nutricional, se ven penalizados polo seu contido en determinados tipos de graxa ou polo uso de conservantes de toda a vida coma o aceite de oliva.
No aceite de oliva foi precisamente onde a aplicación en España do Nutri-Score atopou un dos seus primeiros atrancos. Os produtores pediron e parece que lograron quedar á marxe da aplicación do semáforo no que saían prexudicados e comparados con outros coma o de xirasol.
Cómpre un sistema de sinalización alimentaria
Tamén o xamón pediu que o exclúan coma produto tradicional no que a presenza de graxa natural non se pode comparar coa que teñen outros alimentos aos que llas engaden no proceso industrial. As denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas súmanse tamén á petición de exlusión argumentando que obedecen a fórmulas tradicionais que non poden axustarse ás modas, sumando unha ringleira de excepcións que, en palabras dun dos industriais afectados, demostrarían que o sistema empregado non é o axeitado, que precisa ser repensado antes de aplícalo, tal como o están a facer Francia ou Alemaña.
Porque o que non discuten asociacións de consumidores nin nutricionistas é que cómpre algún sistema que mellore a información sobre o que mercamos nas tendas de alimentación.
Unha necisidade máis urxente entre a xente nova e en vista do aumento de doenzas relacionadas cunha alimentación errada coma a diabetes ou a obesidade.