A hostalaría ultima os preparativos para reabrir mañá
- Esta medianoite entran en vigor as novas medidas da desescalada en Galicia
- Terá controis de cabida e rexistro de clientes, seguirá pechada nos dez concellos con maior incidencia
Os provedores volven traer mercaduría ao ‘Benedita Elisa’ despois dun mes coa reixa baixada. Jordi López e Carlos Insua abriron un coqueto restaurante no casco histórico compostelá hai menos de dous anos. Desde aquela botou pechado máis de sete meses entre vagas e desescaladas.
“Expectativas as xustas, tal e como levamos este ano é complicado ter expectativas“
“Expectativas as xustas, tal e como levamos este ano é complicado ter expectativas”, asegura Carlos desde os fogóns, que hoxe volveu encender para preparar os caldos e salsas cos que recibirá mañá os primeiros clientes. Xa teñen reservas para toda a fin de semana, pero só poden ocupar o 30% da cabida e ata as seis da tarde. “Este é un restaurante moi enfocado ás ceas e agora que nos quitan a posibilidade de abrir de noite, realmente quedamos co 30% da ocupación sobre o 50% do negocio, quedas en nada. Estamos contentos de que nos deixen abrir, pero calquera que teña un negocio sabe que ao 30% non é rendible”, explica Carlos.
Máis do corenta por cento seguirán pechados
Con todo, son os que menos restricións teñen como locais de hostalaría das áreas sanitarias de Santiago, Vigo, Lugo e Ourense. No resto só poden abrir as terrazas e á metade de cabida. E en ningún caso se autoriza o servizo en barra. Desde a Asociación de Hostalaría Compostela calculan que máis do corenta por cento dos locais contan con seguir pechados. “Porque moitos non teñen espazo exterior onde poder traballar ou porque o interior é moi limitado e cun 30% non terían posiblidades ou porque a súa franxa de negocio se sitúa na tarde noite, moita xente xa non vai abrir”, sostén Lois Lopes, da directiva. “E os que imos abrir farémolo cunhas limitacións moi grandes que fan que os negocios non sexan viables. Pero a estas alturas non podemos ter os negocios pechados seis meses ao ano, temos que seguir abertos, porque perdemos a nosa opción de mercado”.
“Temos que seguir abertos, porque perdemos a nosa opción de mercado“
Cóntanolo desde o seu restaurante ‘A nave de Vidán’, tras visitar a praza de abastos para encher as neveiras, “pouco, de momento, para non ter máis perdas das que xa levamos”, sostén con cautela, ata ver como responde a clientela “neste escenario tan limitado, con tan pouca cabida e mesas de só catro persoas”. Critica que as incertezas son moitas, tamén no relativo ás novas medidas de control de caida e rexistro de clientes. “Sobre todo naquelas licenzas que non aparece a capacidade, que hai moitas das antigas, pois a ver como se pode calcular a cabida. E sen saber tamén que vai pasar cos códigos QR e os rexistros de clientes que anunciaron e non se concretaron, non temos ningunha información ao respeto”, asegura Lois.
Nos dez concellos onde a incidencia acumulada a 14 días supera os 500 casos por cada 100.000 habitantes mantéñense as restricións máximas e a hostalaría seguirá pechada de momento, salvo para recollida e envío a domicilio.