As universidades galegas recuperan as clases presenciais despois de case un mes
- Os campus retoman parte do seu ambiente habitual
- As clases en liña eran obrigatorias dende o 8 de febreiro
O regreso ás aulas despois dun periodo de ausencia coma unha ponte ou unhas vacacións é sempre motivo de animación nos campus.
Hoxe os darredor de sesenta mil alunos das tres universidades galegas podían pasear de novo en grupos, ou en solitario, por unhas beirarrúas e carreiros de aceso ás facultades, logo de máis dun mes de ausencia.
Algúns alumnos non tiñan clases presenciais dende antes do Nadal.
Un mes que se prolonga incluso, se falamos das clases presenciais nas aulas. En moitos casos, os alumnos non tiñan ao profesor diante, ofrecendo explicacións e aclarando dúbidas, dende o momento no que se suspenderan, antes do Nadal.
Clases telemáticas
Despois daquelas vacacións, os exames do primeiro cuadrimestre do curso impediron o reinicio da docencia e, cando os exames remataron, as medidas da Xunta para facerlle fronte á pandemia atrasaron o inicio das clases do segundo cuadrimestre ata o 8 de febreiro, obrigando ademáis a que fosen só de xeito telemático.
A medida que impedía o acceso ás aulas levántase agora e campus e as facultades poden recuperar parte da súa vida.
Os centros adoptaron medidas para que as clases sexan seguras.
Esta mañá podíanse ver as habituais colas nas copisterías de onde saen as reproducións dos apuntamentos e os grupiños de estudantes nas entradas dos centros educativos, a onde saían fumar entre clase e clase, se saudaban nos reencontros ou se resgardaban da choiva.
A normalidade que se recupera é a dun curso, asi e todo, marcado pola pandemia, cos itinerarios, os números máximos nas aulas e as medidas de distancia e hixiene perfectamente delimitados polas autoridades académicas, combinando coa semipresencialidade que mantén a parte do alumnado detrás das pantallas, seguindo as clases a distancia.