Enlaces accesibilidad

García Lorca espertou a súa vocación poética coa primeira viaxe a Galicia en 1916

  • Veu de visita de estudos cando tiña 18 anos e volveu outras veces para visitar amigos e con La Barraca
  • "Seis poemas galegos" é o seu tributo á lingua e cultura galegas

Por
As viaxes de Lorca a Galicia

Federico García Lorca descubre Galicia nunha viaxe de estudos en 1916, con dezaoito anos. Cinco días de estadía que comezaban un 25 de outubro de 1916 en Santiago e que tamén o levarían a visitar fugazmente A Coruña e Lugo. Daquela cursaba Dereito, Filosofía e Letras na Universidade de Granada. Durante tres semanas percorreu en tren o noroeste español xunto a outros catro compañeiros de clase e a un dos seus mestres. En Santiago serán recibidos polo reitor. Unha viaxe trala que Lorca dará un xiro a súa carreira. De experimentado pianista, fora discípulo de Granados, empeza a escribir.

Rosalía é unha das súas primeiras influencias literarias

Henrique Alvarellos, editor e escritor de “Federico García Lorca en Santiago de Compostela de editora Alvarellos" (2020), asegura que “Dos primeiros versos que empezou a escribir como poeta naqueles dezaoito anos, a influencia de Rosalía é máis que evidente”

Dezaseis anos despois, en 1932 xa durante a República volve a Galicia, a Vigo, con La Barraca convertido en celebridade tal é como documentou Alvarellos. Vese a Lorca e outros compoñentes da compañía teatral paseando sorrinte pola rúa do Príncipe. De aí son as únicas imaxes en movemento do poeta granadino en Galicia.

Éxito de público na representación na Quintana en Santiago

Aquí quisiera quedarme a reposar toda la vida, dixo Lorca da praza compostelá

Tamén se inclúen algúns fotogramas da montaxe do escenario da función que repetirían en Santiago na Praza da Quintana con gran éxito de público. Asistiron máis de 6.000 persoas según contaban as crónicas da época nunha cidade que contaba apenas con 25.000 habitantes. A representación foi interrumpida para escoitar o son das badaladas da Berenguela.  Era un mércores 24 de agosto de 1932.

Lorca chamáballe á Quintana a “praza-butaca” e mesmo chega a dicir que “Aquí quisiera quedarme a reposar toda la vida”.

Os seus amigos galegos e os "Seis poemas..."

O círculo de amizades galegas de Lorca animouno na escrita de “Seis poemas galegos”.

Enrique Alvarellos sinala que “Foi moi ben acollido e de feito en cartas él dí que está desexando regresar a Santiago e estar con todos estes amigos e con esta xente que tanto tiraba del e que foi o xerme de que Lorca se quixese inspirar e escribir poemas en galego”.

En Santiago coñeceu a intelectualidade da época foi retratado polo pintor Carlos Maside e, en 1935, un ano antes do seu fusilamento, a imprenta de Ánxel Casal editará “Os seis poemas galegos”, un auténtico tributo de Lorca á nosa lingua e cultura.