Abre a área sanitaria de Ferrol, pero seguirán pechadas as da Coruña e Pontevedra pola ocupación das UCI
- Sanidade recoñece que os datos son bos, pero pide prudencia para non retroceder
- Os cambios anunciados hoxe polo comité clínico entran en vigor na medianoite do xoves ao venres
Todos os concellos da área sanitaria de Ferrol, agás Cariño, baixan ao nivel medio de restricións. Recuperan a mobilidade co resto de Galicia e a hostalaría poderá servir tamén no interior cunha ocupación do 30%. Unha relaxación posible grazas á mellora na súa situación hospitalaria.
Tamén segue mellorando a das áreas sanitarias da Coruña e de Pontevedra, pero a alta ocupación nas unidades de críticos non permite a súa apertura polo momento. Seguirán con peche perimetral e no nivel alto de restricións. “As porcentaxes de ocupación nas UCI nestas dúas áreas rozan aínda o 25%”, sostén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que confía en que “a previsión é boa e estamos seguros de que nos vindeiros días os datos nos van permitir tomar a decisión nestas áreas con tranquilidade”.
Seguen en nivel alto outros dez concellos, coa hostalaría limitada ás terrazas e mobilidade entre eles. Un dos concellos é o coruñés de Porto do Son, que aumenta restricións tras empeorar a súa incidencia a sete días. O pontevedrés de Soutomaior é o único en toda Galicia que permanece no nivel máximo, coa hostalaría pechada, as reunións limitadas a conviventes e confinamento municipal.
Aumentan a 91 os concellos que non detectaron ningún caso da Covid-19 nos últimos 14 días, un 36% máis cá semana pasada. Cunha incidencia a catorce días de 127 casos por 100.000 habitantes, o conselleiro de Sanidade asegura que “os datos son bos”, pero pide prudencia mentres non avance o plan de vacinación e ante a aparición das novas cepas. Galicia confirma 90 casos da británica, un da sudafricana e estuda un caso da variante brasileira.
Preocupación polas terrazas
“Dá coraxe pensar que co ben que estamos, poidamos retroceder“
García Comesaña e outros membros do comité clínico amosaron a súa preocupación polas imaxes de aglomeracións, sobre todo en terrazas, rexistradas na fin de semana. “Cunha petición aos que, motivado seguramente por esas ansias de desfrutar canto antes das posibilidades que se abriron o venres, non o fixeron do xeito máis loxico. Pero estou seguro de que co esforzo de todos se vai reconducir”, confía o conselleiro. “Dá coraxe pensar que co ben que estamos, poidamos retroceder agora se non actuamos con prudencia”, insiste, antes de lembrar que “ir a lugares concurridos ten risco, e sen máscar máis risco, e se se fuma máis aínda”.
Os cambios anunciados hoxe polo comité clínico entran en vigor na medianoite do xoves ao venres. Ese día o comité volverá analizar os datos e restricións.