A Coruña e Pontevedra retoman a mobilidade e o 30 por cento de cabida no interior da hostalería
- Hoxe póñense en marcha as novas medidas da Xunta para enfrontar a covid, menos restritivas
Case todos os concellos de Galicia pasan a nivel 3, agás doce, que permanencen en nivel 2 e só catro están en máximo risco
A Coruña e Pontevedra recuperan hoxe a mobilidade. Ata a pasada medianoite, os residentes destas zonas só podían desprazarse a localidades da mesma área sanitaria.
Isto sucede porque a meirande parte dos concellos están en nivel medio no mapa da desescalada.
Os restaurantes preparan mesas para recibiren aos primeiros comensais
Outra das novidades está na hostalería. Permítese a entrada a cafeterías e restaurantes pero cunha limitación, o 30 por cento de aforo en interior. Nas terrazas mantense o 50 por cento.
“Moita xente está cansa de comer no mesmo lugar de traballo, así que seguro que moitos clientes volven aos comedores“
Esta mañá, nestes establecementos preparaban mesas para recibiren ós primeiros comensais. "Ata agora fomos tirando servindo comida a domicilio e a oficinas pero moita xente está cansa de comer no mesmo lugar de traballo así que seguro que moitos clientes volven aos comedores". Dicíao Luis Manuel Soto, empregado do restaurante Morriña da Coruña.
Catro concellos en nivel máximo de risco, tres en Ourense
En Galicia, neste momento, son trece os concellos que continúan en nivel 2, nivel alto, polo que a mobilidade só é posible entre eles e na hostalería só se permite o funcionamento en terrazas.
Son Miño, Ponteceso, Arteixo, e Sobrado na área sanitaria da Coruña. Cambados, Ponte Caldelas e Vilanova na de Pontevedra. Mos en Vigo. Cariño e Mugardos en Ferrol e Guitiriz, Lourenzá e Paradela en Lugo.
Catro concellos permanencen en nivel de risco máximo, que son o pontevedrés de Soutomaior, e Boborás, A Pobra de Brollón e A Mezquita, en Ourense.