Enlaces accesibilidad

A Consellería de Sanidade ensaia un sistema de vacinación masiva e prepara un alivio das restricións na hostalaría

Por
Galicia: vacinación en masa e alivio na hostalaría

Se vostede naceu entre o 11 de marzo do 65 e o 31 de decembro do 71 e vive en algunha das localidades pertencentes á área sanitaria de Santiago é posible que recibira, nas últimas horas, un SMS citándoo para que acuda mañá pola tarde á Cidade da Cultura, para que lle poñan a vacina contra a Covid. Alí van administrar as primeiras mil doses aos que teñen entre 50 e 55 anos.

Aumentan moito as posibilidades de que teña recibido a mensaxe se o seu primeiro apelido comeza por "h" ou algunha das letras que lle seguen. É por ese punto por onde empezan todas as citacións que están realizar as autoridades sanitarias galegas para inmunizarse nesta pandemia.

Se xa ten a mensaxe no seu teléfono, agora deberá recibir aínda unha chamada, que deberá responder, pese a que é unha máquina quen lla fai, para poder acudir, mañá pola tarde á vacinación masiva que vai ensaiar a Consellería de Sanidade.

As vacinacións masivas, en grandes recintos

As autoridades sanitarias da Xunta queren comprobar se a máquina que fai as chamadas e todo o sistema de aviso serve para aplicar o procedemento de vacinación masiva que tratan de por en marcha, por se a chegada de vacinas se intensifica, tal como agardan e como lles dixeron no Ministerio que pode suceder.

Se funciona, o sábado aplicarase en recintos similares en todas as cidades galegas, para librar aos hospitais do impacto dun proceso que implica o movemento de cantidades importantes de persoas.

Probable ampliación dos horarios na hostalaría

Esta nova vía de vacinación vai destinada a persoas de menos de 55 anos, impulsada pola circunstancia de que as doses que están a chegar de xeito inesperado son as de AstraZeneca.

Estas vacinas, polo momento, non está autorizadas para os colectivos máis vulnerables da terceira idade.

A Consellería move ficha no eido das vacinas cando están a punto de concretarse as restricións coas que teremos que convivir na Semana Santa e cando os datos da evolución da pandemia invitan ao optimismo.

Unha mellora da situación que, todo parece indicar, vai permitir aliviar as restricións e ampliar os horarios da hostalaría a partir da próxima semana.

De momento, a maioría dos establecementos xa descargou a aplicación que lles vai permitir controlar a cabida.