Comeza a vacinación entre as persoas de 50 a 55 anos
- 250.000 galegos recibirán a vacina de AstraZeneca, a que está a causar os efectos secundarios máis agudos
- Coronavirus: última hora en directo | Mapa de España | Hospitales y UCI
- Vacunas en España | Guía de restricciones | Mapa mundial | Especial: La gran vacunación
O recinto feiral de Expourense e os hospitais de Verín e do Barco de Valdeorras son os lugares escollidos polo Sergas para que o vindeiro sábado reciban a vacina da covid 2.200 persoas de entre 50 e 55 anos que viven na provincia de Ourense.
Son algo máis do 8 % da poboación que pertence a esta franxa de idade.
A vacina de AstraZeneca xera preocupación
Administraranlles a vacina de AstraZeneca porque segundo os expertos é a indicada para protexer contra a covid as persoas de mediana idade. Cun 70 % de efectividade é a que menos inmuniza das tres que se están a administrar en España.
Os efectos secundarios son semellantes aos de calquera outra vacina, pero as últimas novas relacionadas cos efectos adversos que supostamente produce están a xerar unha gran preocupación entre os receptores.
Esta mañá, Dinamarca suspendía durante dúas semanas a administración da vacina para investigar os casos graves de trombos en persoas que a recibiron. E máis dun cento de profesores de Madrid non foron a traballar este luns pola reacción aguda á vacina.
Por novas coma estas, estase a estender entre a poboación que a vacina de AstraZeneca é a peor das tres.
“Todas as vacinas son boas. Expertos en inmunoloxía din que a peor das vacinas é a que está sen poñer“
A coordinadora da campaña de vacinación na provincia de Ourense, Pepa Rodríguez, cre que “a xente está equivocada ao pensar que hai unha vacina mala. Todas as vacinas son boas. Expertos en inmunoloxía din que a peor das vacinas é a que está sen poñer. Nestes momentos non podemos cuestionarnos se unha vacina é menos mala polo nivel de eficacia. O que precisamos é ter vacinas e ter a maior cantidade de poboación inmunizada para poder saír desta situación”.
A mocidade sofre reaccións máis fortes
Os efectos adversos máis frecuentes das vacinas da covid son a dor na zona da picada, o malestar xeral, as dores musculares e os episodios de febre de 37 ou 38 graos.
Pepa Rodríguez recoñece que “poden ser máis agudos que cando nos administran a vacina da gripe, pero tamén é certo que non duran máis de 48 horas”.
As molestias poden ser maiores entre a xente nova. Segundo a coordinadora da vacinación na provincia de Ourense “isto débese a que o seu sistema inmunitario está moito máis activo para loitar contra o material vírico que nos inoculan, mentres na xente maior está máis apagado”.
A vacina de Pfizer é a máis efectiva
Das case 290.000 doses de vacinas da covid administradas en Galicia, máis do 80 por cento son de Pfizer.
É a que recibiron os usuarios das residencias de maiores. Como a súa efectividade é do 95 por cento, non evita que se poidan producir os contaxios. É o que lle pasou a dez usuarios da residencia Santa Mariña de Xinzo que se infectaron tras recibir as dúas doses da vacina.
“Aínda que nos contaxiemos, o nivel de risco, tanto de ingreso nun hospital como de mortalidade, vai ser moito menor“
Para Pepa Rodríguez “entra dentro do esperable porque as vacinas non inmunizan ao cen por cen. O que si nos aseguran é que, aínda que nos contaxiemos, o nivel de risco, tanto de ingreso nun hospital como de mortalidade, vai ser moito menor. Nove dos dez pacientes están asintomáticos e non teñen que saír do seu medio para que os atendan nun hospital”.
Menos dun tres por cento dos galegos xa recibiron a pauta completa das vacinas. A inmunidade colectiva lograrase cando estea vacinada o 70 por cento da poboación.