Enlaces accesibilidad

Óliver Laxe roda unha campaña promocional dos Ancares

  • Filma 30 vídeos para apoiar a gandaría extensiva da montaña de Lugo
  • Vacas desta campaña promocional tamén aparecen no filme “O que arde”, premiado con dous Goyas

Por
Óliver Laxe filma a gandaría heróica dos Ancares

Viana, Castaña, Galana, Cuca, Broca…” As vacas da Carqueixa aínda teñen todas nome propio. Quen as enumera é un dos 200 gandeiros desta cooperativa da comarca dos Ancares que aparece nun dos 30 vídeos filmados polo director de cine Óliver Laxe para apoiar a gandaría extensiva da montaña de Lugo.

“Se hai viticultura heróica, tamén hai gandaría heróica”, subliña o cineasta orixinario de Vilela, unha aldea de Navia de Suarna, onde nos próximos meses ten previsto inaugurar un centro de desenvolvemento rural.

Non serve que veñamos aquí catro modernos da cidade a facer fotitos para colgar en Instagram, se isto está baleiro de xente

Nese futuro espazo de cultura e acollemento ten lugar a presentación desta campaña promocional coa que a cooperativa A Carqueixa segue apostando por un modelo de comercialización sen intermediarios a través da venda por internet.

“De nada serve que veñamos aquí catro modernos da cidade a facer os nosos obradoiros a facernos unhas fotitos para colgar en Instagram, se isto está baleiro de xente”, explica Óliver Laxe que considera a iniciativa da Carqueixa “indispensable, pioneira, clave” e agarda que “replicable noutras zonas de Galiza, esta distribución online directa”.

Venda por internet

A cooperativa comezou hai un ano e medio a venda por internet e coa “oportunidade” que supuxo a pandemia para chegar directamente ao consumidor, a venda por esta canle xa supón o 30% do total.

“Estamos moi satisfeitos” asegura o xerente da Carqueixa, Román Sánchez Besteiro. Os gandeiros e gandeiras da cooperativa están recibindo “entre 100 e 200 euros máis por xato do que recibían con anterioridade nos mercados convencionais” engade o xerente.

A Carqueixa foi fundada hai 26 anos por 28 veciños dos Ancares. Cada un dos 200 socios actuais ten de media un rabaño de 25 vacas. A suma supera as 5.000 cabezas, que pacen en máis de 7.000 hectáreas de terreo e producen cada ano uns 900 xatos.

Ademáis supoñen “un cortalumes natural”, en palabras de Óliver Laxe, contra os incendios forestais, que en outubro de 2017 ameazaron a zona.

Carne para Inditex

A Carqueixa chegou a un acordo con Inditex para subministrar carne aos comedores de empresa que o xigante textil ten na Coruña.

O cineasta tamén poderá saborear esa carne porque en agradecemento pola súa colaboración, A Carqueixa regaloulle un bono para consumir carne durante todo un ano, pero que non se “pase moito, non vaia engordar moito” conclúe con retranca o presidente da Carqueixa, José Antonio Díaz.

Vacas de cine

Algunhas das vacas que aparecen na campaña promocional xa rodaron baixo as ordes do cineasta no filme “O que arde”, premiado con dous Goyas o ano pasado.

“Intentei facer isto co meu corazón”, lembra Laxe, que para os vídeos da campaña filmou a xente que quere “moito, que está facendo un traballo precioso. Grazas a eles eu podo volver aquí.”