Satisfacción dos hostaleiros pola ampliación do horario ata as nove da noite
- Bares e restaurantes gáñanlle tres horas á tarde en toda Galicia, agás Vilardevós, Paradela e Maside
- O sector pide cautela aos usuarios e que cumpran as medidas de seguridade
Bares e restaurantes gáñanlle tres horas á tarde. Os hostaleiros son prudentes.
“Espero que non voltemos atrás, porque sería unha desgraza para o sector, sería a súa morte“
“Temos que seguir cumprindo e respectando as medidas, porque estamos dando pasiños curtos na boa dirección e eu espero que non voltemos atrás, porque eso sí que sería unha desgraza para o sector hostaleiro, sería a súa morte”, asegura Javier Méndez, que rexenta a cafetería restaurante ‘Krystal’ na Praza Roxa, no centro de Santiago. Cre que a ampliación do horario de peche axudará tamén a que a clientela veña máis espaciada porque “agora viña toda xunta entre as catro e as seis da tarde”.
Tamén na Praza Roxa, desde a terraza do ‘Le Mans’, José Manuel Mallón afirma que “é unha moi boa noticia”, pero puntualiza que “a cuestión é que din que é por dez días e despois non sabemos que vai pasar. Non sei se sacar aos empregados que teño no ERTE por dez días e despois volvelos meter”.
“Os máis prexudicados son os restaurantes, porque lles queda pouca marxe para dar ceas“
A poucos metros, Luis Campos, xerente da cafetería ‘Luis’ cre que os máis prexudicados son os restaurantes, porque lles queda pouca marxe para dar ceas. “O ideal sería ata las diez como mínimo. Pero, bueno, se vai ser a cousiña ben e vai así pouquiño a pouco e seguimos aumentando, eu confórmome co que dan así”, aclara.
Aumenta a cabida
Ademais, poderán ter máis clientela. Nos 290 concellos nos que o virus ten unha incidencia inferior aos 150 casos por cada cen mil habitantes a 14 días, aumenta a cabida ata o 50% no interior e o 75% nas terrazas. Son as principais vilas e cidades, agás A Coruña, onde vive o 86% da poboación galega.
No interior dos establecementos o límite segue a ser de catro por mesa. Pero as xuntazas no exterior aumentan ata as seis persoas.
“Mantendo os aforos e a distancia, paréceme estupendo, hai que axudarlle á hostalaría”, sostén unha clienta desde unha terraza. Ao seu carón outro cliente puntualiza que “é cuestión de sentidiño e comportarse como persoas civilizadas”. En xeral agradecen ter máis marxe para ir aos bares pola tarde, sobre todo os que acaban de traballar despois das seis.
Non conviventes
Máis controversia provoca a prohibición das xuntanzas de non conviventes nos domicilios, que si se poderán facer nos locais de hostalaría e que moitos dos cidadáns consultados hoxe por Televisión Española consideran “absurdo”. “Se vas a un bar tes que ter a máscara posta cando non estás consumindo, sen embargo se vas á casa dos teus pais é evidente que non vas ter a máscara posta, entón eu creo que hai máis perigo”, defende, en cambio, unha moza mentres toma un café.
Estas normas estarán vixentes desde mañá venres, festivo en Galicia, e volverán revisarse a principios da Semana Santa.