141 concellos non notificaron casos de covid nas últimas dúas semanas
A partir do venres os concellos ourensáns de Maside e Beade serán os únicos en nivel máximo
Sanxenxo e Baiona soben ao nivel alto de restricións ás portas da Semana Santa.
Maside mantense no nivel máximo, ao que tamén sobe Beade. Serán os únicos de Galicia que comecen a Semana Santa sen mobilidade, nin hostalaría nin reunións sociais.
Sete concellos pasan a nivel alto de restricións
O Comité Clínico que asesora á Xunta acordou que outros sete concellos terán desde este venres nivel alto de restricións, co que bares e restaurantes só poderán servir nas terrazas e coa metade da ocupación.
É a situación de Sanxenxo e Baiona, dous dos municipios máis turísticos de Pontevedra. Sanxenxo tiña oito casos a semana pasada e unha incidencia de 45 a 7 días. Esta semana son 24 casos e a incidencia é de 137,8.
A foto é semellante en Baiona, que pasou dunha incidencia de cero a sete días a máis de 148. “Vendo que a Semana Santa comeza en breve e a pesar da estabilidade xeral, hai que manter a prudencia”, alerta Carmen Durán, directora Xeral de Saúde Pública. Un chamamento á responsabilidade, pese a que a situación en Galicia “acadou unha meseta e non parece que vaia cambiar a tendencia. 141 concellos non notificaron casos nos últimos 14 días e 184 levan libres da covid unha semana”.
No nivel medio quedan dezanove concellos, entre eles A Coruña e varios da súa área metropolitana. O resto de Galicia seguirá no menor nivel de restricións, con cabidas do 75% nas terrazas e do 50% no interior dos locais de hostalaría.
Semana Santa
As medidas poderían mudar de cara aos festivos porque o ministerio de Sanidade vai proporlles ás comunidades autónomas un posible adianto, ás oito da tarde, do peche da actividade non esencial.
“Estamos na franxa baixa, co peche ás nove da noite, así que pouco axuste nos queda“
“Nós estamos na franxa baixa, co peche ás nove da noite, así que creo que pouco axuste nos queda. Ata que o vexamos esta tarde no consello interterritorial non podemos dicir nada. Pero estamos preto da proposta do Ministerio”, sostén o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Canto aos peches perimetrais, Comesaña explicou que lle pedirá ao goberno que reforce a vixilancia para evitar que veña xente de fóra sen xustificación, dado que Galicia mantén o peche perimetral, en vez de impoñer máis restricións á mobilidade interna. O Conselleiro lamentou que a Delegación do Goberno non autorice cribados na aeroporto da Coruña ata despois da Semana Santa.